Cartas al director

Arcadas primixenias

A cifra de parados segue tendo unha boa ringleira de números que nomear. Algún parado que se asome ao traballo farao en condicións precarias. As diferenzas entre clases sociais son cada vez máis e máis grandes, e xa, definitivamente, imposibles de facelas desaparecer. Un gran número de familias chega dificilmente a fin de mes. E outra boa parte xa non ten nin ingresos para intentar facelo. A fame en moitos lugares semella que chegou para ficar.

A clase política converteuse en pouco tempo nunha caste afastada e intocable. Todo está posto e disposto polas carteiras do capital. E cada un de nós leva pendurado na súa fronte o seu respectivo prezo. Na porta de acceso público que ata onte tiña escrito entrada, atopeime esta mañá co letreiro de non pasar, privado. Cada vez máis nenos están sometidos a explotación laboral.

As augas dos nosos mares cospen cadáveres de persoas que tan só procuran unha porta que abrir. As bombas caen ao lado da nosa porta, pero mentres o sangue do cadáver non nos salpique ou non sexa dalgún "dos nosos". En Terra Santa xogan ao disparo certeiro, como nas casetas de tiro de calquera festa das nosas santas romarías.