Cartas al director

Daquela e agora

Todos os que daquela valían e sumaban, agora non valen e restan. E hai que botalos. A todos os que daquela se lle pasaba a man por riba do ombro, agora nin un simple saúdo por iso de non vaia ser. Todos os que daquela ocupaban a cabeceira principal da mesa, agora nin detrás da cortina teñen cabida. Todos os que daquela eran buscados para o retrato interesado, agora nin os que con eles se retrataron se recoñecen nesa mesma estampa. Todos os que daquela eran recibidos coa man estendida e coa súa conseguinte reverencia, agora son sinalados co dedo índice e acusador desa mesma man que arduamente os procuraba. Todos os que daquela abrazaban o espírito e ambición destes exemplares triunfadores, agora repudian as súas fazañas e cimas conquistadas. 

Aínda así uns e outros non se diferencian en nada. Absolutamente. Comeron e déronse de comer do mesmo prato. E os que daquela estaban cómoda e interesadamente instalados dentro deste disparate oficial e colectivo e que agora disque están sendo tamén interesadamente apartados polos mesmos que antes os acubillaron, non se van nin irán nunca. Nin uns nin os outros. Non hai chaves suficientes nin capaces de abrir tanta porta institucionalmente fortificada. Agás que consigamos roubarlles legalmente as chaves desas fortalezas. Perdón. Escribín roubarlles cando quería escribir quitarlles. Perdón. É que ás veces ocorre que me enguedello tanto no debullar do acontecer que incluso chego a sospeitar de min mesmo.