Cartas al director

Dor de cabeza

Portazo tras portazo. Todos e cada un crendo ter sempre algo interesante que dicir. De aí o costume de falar constantemente en voz alta. Cada vez máis. E máis. Ata chegar ao berro. Para que os demais nos decatemos. Berros que todo o afogan. As televisións cun volume que asfixian e que de todo se apoderan. Cadeiras que se arrastran. Nenos arredor xogando, voceando e tropezando contigo. Unha caña. Outra. Outra. Outra. Ei, acaso non oíches, catro caaaañaaaaas! Coches por todos os lados. Pitando por calquera motivo. Motores zumbando ata rebentar. Ata rebentarte. Ceda o paso. Stop. Estaba eu antes. Por favor, non empurre. Ten que agardar a súa quenda. O que? Agardar, dixen. Quen, eu? Présa. Moita présa. Empurróns. Gol! Gol! Goooooool! E o fútbol! Como non, o fútbol! Que todo o explica e todo o xustifica. E as miñas dores de cabeza, que a ninguén lle importan. Día tras día. Unha e outra vez. E outro día máis. Aí fóra. Aguantar e resistir. Resistir e aguantar. E haberá quen diga: Pois xa sabes o que tes que facer! E será ese mesmo fulano quen siga sen darse por aludido.