Cartas al director

Mexadas, cagadas e respecto

Porque así, tal e como vai escrito, tal e como se le, e tal e como soa, ou sexa, coas palabras exactas, é tal e como se deben tratar algúns despropósitos.

Esta mañá. Outra mañá. Unha mañá máis. Tiven que volver a limpar unha mexada diante do negocio no que traballo e no que me gano a vida. E o mesmo ocorre coas cagadas. Que tamén de cando en vez esixen do teu equilibrio para poder abrir a porta.

Respecto. Esta é a palabra necesaria. E precisa. Palabra á que se acode moi a miúdo. E que cada quen a usa como máis e mellor lle convén. Respecto para todas e todos. E respecto para tantas e tantas cousas. Que nos achegan. Amigan. Relacionan. Reconcilian. E mesmo separan. Que tamén. Pero sempre respecto. Con todo o que iso implica. Por iso tamén eu pido respecto para min. E para a entrada do negocio no que me gano a vida. Entrada, que o mesmo que toda a rúa e toda a vila, non é un lugar disposto para satisfacer certas necesidades de certos animais de compañía. Animais que, co andar do tempo, por puro interese e por ruín egoísmo, acabamos considerando e definindo como o mellor amigo do home.