Cartas al director

Relixión e pupitres

Sylvain Tesson, no seu desolador e asemade liberador libro, “La vida simple”, dinos: “Deus parece nunca saciarse da pregaria dos homes, para el todo semella un entretido pasatempo”.
A relixión, neste caso a católica, sempre presente. En todo. Aínda que dende foros escuros e poderosos digan o contrario. E manifesten maltrato. A relixión, católica neste caso, porque é na que nacín e na que me desenvolvo. A relixión, católica, insisto, como materia de estudo. Materia que, este goberno nada respectuoso coa diversidade leva aos pupitres das aulas, botando entón pola miña parte en falta outras doutrinas que tamén deberían ter cabida. Aínda cando o máis lóxico sería que calquera credo ficara portas afora.
Portas adentro, sei, e seino ben, que os doutores encargados de sentar cátedra católica non van a dedicar nin un gramo de saliva ás sagradas torturas da santa inquisición, aos lumes que queimaban por non crer na única crenza que había que crer, aos abusos a menores en lugares supostamente inviolables, á opulencia vaticanal en Roma, ás terribles matanzas levadas a cabo en continentes disque descubertos e conquistados, ao apoio e acubillo a longas ditaduras neses mesmos continentes, ou aquí mesmo, non hai aínda nin corenta anos dela...
Podería subliñar as boas obras realizadas por eles? Podería! Mais estou seguro de que diso xa se encargarán eles nas súas horas lectivas. Por iso escribo estas letras, para compensar a súa mensaxe docente.