Cartas al director

Temos

Neste momento, tal e como está a tarteira sobre o lume, é fácil que te senten ante un xuíz ou te manden ao cárcere por dicir algunha palabra que eles consideren non adecuada. E non digamos xa se te atreves a criticar a calquera institución ou individuo deses moitos que, incluso agora e despois de tanta e tanta miseria descuberta, aínda seguen empeñados en darnos leccións de democracia. 

Porque nunca fomos nada, seguimos sendo nada, e que ninguén o dubide, porque seguiremos sendo iso, nada. E ante a desfeita persoal xa asumida, non estaría mal, pola parte que nos toca, darlle as costas á política e a todo o político que tanto nos despreza e tan mal nos trata. 

Das cinzas tamén se sae. E despois das cinzas tamén se pode sementar. E se o asunto se pon feo e hai que ir a máis, adiante, mirándoos a todos á cara e sen tremer nin o máis mínimo ante o desastre, que, agora si, lles tocaría pagar a eles. Porque lles toca. E porque xa estamos fartos. E se verdadeiramente tan ameazados se senten, que nos metan entón a todos no cárcere. Aínda que vendo o país de saqueadores, corruptos e covardes no que cada quen se disfraza do que máis lle convén, quizais entre nós si teña razón ese dito que di, que cada un ten o que se merece.