Cartas al director

Transparencias que nada din

Foi algo raro. Non sei se por tratarse dun sábado. Ou por ser aínda moi cedo. Ou quizais por ambas cousas. Eu que sei! Estaba encetando a mañá con ese café que escacha a modorra dunha noite que para pouco serviu. Sobre a mesa, ademais dese café, o xornal urxente e necesario. Cando cheguei a unha noticia que destacaba o camiño que actualmente a nosa casa real está enfiando cara a transparencia. Subliñando o mérito dese exercicio e o que iso supón cara a cidadanía.

Esta noticia fixo que de golpe acudiran ao meu maxín o feixe de medidas e acordos que algúns partidos políticos asinan para tratar de afianzar a transparencia e para loitar contra unha corrupción que, penso eu, xa se converteu nun mal endémico e sen posibilidade de terapia posible. Foi algo raro. Insisto. Porque sen decatarme, descubrinme transportado a séculos atrás. A momentos que un pode imaxinar duros e crueis. Desapiadados e atroces. Onde os méritos se puñan enriba da mesa con sangue de por medio. Mais non. Estaba no Carballiño, tomando un café e lendo un xornal do século XXI. Un televisor emporcaba o silencio. E a xente, co seu facer, comezaba como cada día a ser esa ameaza latente de si mesma.