Cartas al director

Crítica sí, pero que sea seria e construtiva

n  n  n Lendo o pasado día 13, no diario que vostede direxe, na sección Cartas ó Director, o titular: "Desigual trato en Baños de Molgas", leveime unha gran alegría, pensando que alguén ía por de manifesto, publicamente, unha vez máis, o trato discriminatorio que esta a recibir o noso municipio por parte das distintas administracións: provincial, autonómica e estatal.

Pois entre outras temos unha serie de carencias como non dispor dunha casa de cultura, centro de día para maiores, enlace coa autovía das Rías Baixas, transporte público con Ourense e entre os pobos do concello, paralización das obras do AVE (aparte da conseguinte destrución dos viais locais), despoboamento constante e progresivo dos nosos pobos, falta de posta en valor do noso patrimonio histórico artístico e inmaterial, presuposto raquítico municipal que impide satisfacer as necesidades básicas do concello, etc.

Pero pronto me decatei de que "todo o meu gozo metido nun pozo", resulta que para a señora Chelo Mangana Gómez, nativa e con patrimonio neste concello pero residente e empadroada no de Ourense, os problemas graves son outros: que o servizo de limpeza non se realiza no seu barrio da estación, o cauce do río Arnoia está sen limpar, que no "Parque do Pote" están cables eléctricos soltos e tapados con plásticos, desmantélanse farolas, o vial está sen asfaltar e sen luces; limpeza de fincas indiscriminada.

Non lle vou contestar a ese cúmulo de mediocridades (eso, en todo caso, correspódelle ao señor alcalde), pois inda que nalgún caso esté chea de razón, non aporta nada edificante nin pedagóxico. Ignorar que o cauce do río Arnoia é competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil é un deles.

Como ben vostede sabe, señora Chelo, dende maio do 2015, o Concello de Baños de Molgas logrou pasar esa "longa noite de pedra", dando paso a un novo xeito de facer e interpretar a realidade que nos toca vivir. Somos moitos os veciños que así o estamos entendendo e co noso apoio e crítica construtiva vamos ser capaces de dar estabilidade a un modo de gobernar, que entre outras cousas estanos demostrando: entrega, constancia, dedicación, transparencia e honradez. Que non é pouco pedir nos tempos que corren.

Permítame, señora Chelo, un consello: asista mensualmente ós plenos que celebra a Corporación Municipal, ao igual que estamos facendo outros moitos veciños, e verá vostede a claridade e seriedade con que son plantexados e abordados por o Grupo de Goberno os distintos temas, así como as posturas enfrontadas que no seno da Corporación existen.

Non esqueza que as críticas sempre son positivas e os cidadáns así llo debemos deixar patente ós nosos gobernantes. Pero deben ser serias e construtivas. Non deben ir encamiñadas a satisfacer o "ego" persoal e ser egocéntricas.