Cartas al director

Reclamación ao CHUO

Empezo o ano cun cambio na miña rutina diaria, que me dirixe a visitar  o complexo hospitalario de Ourense máis veces das que desexaría. O motivo  é a reclamación dunha proba que me teñen que facer, con carácter preferente, solicitada con data do dous de outubro de 2018, que a día de hoxe aínda está sen levar a cabo. Despois de máis de tres meses de espera, sen noticia algunha, hoxe atopeime con tal resposta:

Hai pacientes que levan esperando por un TAC desde xuño, se queres douche cincuenta reclamacións a cubrir... non van servir de moito! - contestación do persoal de atención  ó paciente do CHUO de Ourense. Son consciente de que non son os responsables da tardanza, incluso diría que se mostran enfadados  polo mal funcionamento do noso sistema sanitario.

Parece incrible que teña  que andar mendigando a realización dunha proba solicitada preferente fai máis de tres meses, despois dun diagnóstico desfavorable, ó cal os especialistas non lle poden por tratamento sen antes ver o resultado de dita proba. 

É a terceira reclamación que poño, acompañada dunha solicitude feita a man pola propia doutora que pediu o TAC, de nada vale. De nada vale abrir hospitais novos se non hai mans profesionais que  garanticen  o noso benestar; de nada vale cotizar á seguridade social se despois tes que recurrir á privada se queres seguir vivindo..sempre e cando dispoñas de recursos económicos.

Máis alá dos números dos expedientes de cada paciente hai vidas persoais coas que non se debería de xogar...cantas destas vidas se quedarán polo camiño!

Loitemos por acadar unha sanidade pública digna para todos/as!