Cartas al director

Eu son galeguista

O galeguismo é unha corrente intelectual cuxo obxectivo é facer perpetuar, mediante a defensa e promoción activas, a cultura e identidade de Galiza, en todas as súas manifestacións (lingua e literatura, música, folclore, gastronomía, tradicións, etc.). En definitiva defender os valores históricos e culturais galegos.

Sendo isto así, non podo entender que no discurso do presidente do Goberno, na súa recente visita a Galicia, que lin e relín, encontrase moitas e variadas referencias de España tales como "España evidente", "España una gran nación, la más antigua de nuestro continente" e "España es hoy un país respetado en el mundo, que comienza a recoger los frutos de una siembra bien hecha". Ao momento enfadeime. Non me cabreo con vostede sr. presidente, cabréome comigo mesmo porque esperaba encontrar no seu discurso algunha alusión ou referencia, no noso idioma, á cultura galega, vostede naceu en Galicia. Como dicía Castelao: "O idioma e corpo sensible dunha cultura". Recorde que ata o rei cando veu a Galicia falou en galego.

Eu creo que o noso idioma (o galego) a nosa literatura, cultura, música e tradicións non nos separan de nada, simplemente fannos singulares, ademais de galegos, e temos a obriga de gardalos, preservalos e levalos dignamente por toda España, Europa e o resto do mundo. Isto chámase sumar. Santiago de Compostela está en Galicia.

Para finalizar, creo, sr. presidente, que debería ler o estudo que fixo a Xunta sobre a pobreza, quizais así tería máis claro que os froitos da sementeira os están a recoller uns poucos, os máis ricos.