Cartas al director

Derradeira morada

Boisaca inaugúrase en marzo de 1934. Ó principio había problemas coa drenaxe, salvo nunha zona de pedregal; había brañas e moitas tumbas se inundaban. Hai peticións de clausura durante o primeiro ano. As cartas da prensa falan de “lagoa dos corvos”.

No 36 e durante a guerra houbo fusilamentos. Hai constancia de que pasearon alo-menos a 78 persoas de Santiago e da contorna: Ordes, Negreira, Noia… Ademais dos regueiros de sangue houbo tamén mulleres detidas por levarlle flores os seus difuntos.

A capela é do 38 pero a bendición oficial prodúxose no 39. Hoxe Boisaca é de carácter municipal aínda que ata despois do franquismo é eminentemente católico. 

No Xardín dos Ilustres están o poeta Aurelio Aguirre, Valle Inclán, Díaz Pardo, Antón Fraguas e Pérez Constanti, arquiveiro máis importante do concello. Aínda que hai outros mortos significativos como Carlos Maside, Ramón Piñeiro ou o escultor Suso León.

Entre os insignes non hai ningunha muller. Hai unha cripta dos García de la Riva, fundadores do Banco Simeón. Están tamén os da familia de Fernández Albor e da saga Bescansa. Imita a un templo grego con pronaos e anxo trompeteiro. 

A única obra recoñecida de Asorey leva granito rosa de Mondoñedo. A destinataria foi a que daquela fora Miss Santiago e incluso Miss Galicia.

Gracias a iniciativa do Ateneo, a Asociación O Galo e do finado Nacho Mirás fíxose unha nova sepultura das Marías. O proxecto é de Xerardo Estévez e o arquitecto foi o mozo Manu García. Preto delas están os irmáns Fandiño Ricart.

O nicho de Ramón Mutxaraz ten pequenos petroglifos. Trátase dun psiquiatra de Conxo que pretendía que os internos sociabilizasen máis coa xente; foi membro da UPG. Noutro nicho está Cástor Lata, mestre e imaxineiro relixioso nado en Aríns.

A tumba de Roberto Vidal Bolaño é unha lousa de pedra sen símbolos relixiosos. O primeiro ano deixábanlle un paquete de Ducados e unha Estrella Galicia. 

Manuel López Garabal foi o marido da pintora Concha Vázquez. Fixo as tumbas de Diego Bernal, cuxa familia tiña a ferretería El Yunque, e da familia López Pol; un dos membros desta saga, Raimundo, fora o alcalde da cidade cando se inaugura Boisaca.