Cartas al director

¡Canto sinto!

Quixen moito a Pepa, ben o sabes. Por moitas razóns. Boa xente, animosa, galego falante, cun aquel entre enxebre e didáctico (os anos da escola, sen dúbida). Eu non sei se lle prestaba moito Madrid, razóns terapeútico-climáticas á parte. Sempre a vin un pouco como aquela gaivota no Manzanares da canción. Obviamente era moito máis do Miño. E de Cabeza de Manzaneda que da "Sierra". Así e todo facía "de tripas corazón", sempre con aquel sentido do humor, cun aquel retranqueiro, que era o seu selo. Boa nai, nun tempo difícil para selo, ben o sabes, fixo canto puido e soubo para botarvos adiante.

A morte de Gus fora para ela un trauma durísimo. Recordo que vos fóramos ver pouco despois, Asun, Andrea, Pepe Casanova e eu mesmo, a aquela rúa con nome de militar golpista. Esa tarde andíveramos por Sande e Cartelle, porque eu quería darlle novas a Nabor do seu espazo nativo. Falaba de Andrea, e quero dicir que a túa nai gañárame de todas as maneiras, pero moi en especial co cariño que lle demostrara á miña filla. Pola casa rola aínda un peto con figura de pallaso que lle trouxera de Londres (a mín un exemplar de "Monseñor Quixote" de Graham Greene, e ti un espello que é a caratula de "Thick as a brick"). Outras veces aparecía con roupa para a cativa, o que -comprenderás- era para mín a guinda dun pastel, o que me dera a vida contactando con vós. Aquelas clases particulares (¡ai a criada infiel...!) con Pepa como eixo e motivo. Oski: que o sinto moito. Que lle deas un abrazo grande a Jano e a Coté (e a toda a familia). Que está sendo un ano 2015 cabrón. A ver se para dunha puta vez.