Cartas al director

Xentes do patio do Bartolo

Nun artigo por Enrique Torres Vázquez, sobor da "Fundición do Malingre", cítase o "Patio do Bartolo" así como a casiña na que vivía a súa avoa Juli.

Este patio era un deses complexos humáns onde vivían persoas de condición humilde e escasas posibilidades económicas. Moi semellante os patios de comunidade das grandes cidades. Estaba composto por un grupo de casiñas de espazo reducido, un pozo e un retrete común, do que se servían todos os seus membros. A parte da diante do devandito patio estaba ocupada por un amplo espazo cuadrangular aberto que daba á actual rúa Xesús Soria. Este lugar servía de "aparcadoiro" a dous "pioneiros" do transporte ourensán dos anos cincoenta, Roxelio Rodríguez Cota e Secundino Arce. Ambos metían alí os seus carros e mulas á hora de xantar, e pola noite deixaban os carros e gardaban os animais en outro lugar. 

Roxelio estaba casado con Aurelia Lemos, da que tivo a Lourdes, Fefa, Concha, Anxelito, Camilo e Roxelio. Anxelito habíase casado en Oira e adicouse o transporte. Na actualidade continúan os seus fillos con "Transportes Lemos". Roxelio había tido o "Bar Archanda", deles viven Lourdes no Couto e Camilo en Baiona.

Secundino Arce estaba casado coa señora Carmen, acórdome dos seus fillos Cundino, Pepe, Serafín e Berto. Berto e Cundino continuaron co transporte e actualmente é un fillo de Berto quen continúa coas mudanzas. Teño gravada a imaxen da señora Carmen sentada na porta de atrás da nosa tenda de Ervedelo batendo ovos nunha tina de zinc para facerlle os "roscóns" a miña avoa Manuela.

Para quen os coñeceron, un ledo recordo de aqueles tempos. Para os máis novos, unha información gratificante, e para min que vivín e convivín con estas entrañables persoas, o cariño, a gratitude e o enriquecemento que aportaron a miña vida.