Cartas al director

Obituario | César Ansias, un home comprometido con Ourense

“...Imaxina que non hai Ceo,  é fácil se o intentas.  Sen inferno baixo nós, encima de nós, só o ceo”. 

En silencio, acompañado por xente que quería e á que quería, marchou onte de Ourense un bon vivant, un amante da conversa e da polémica, partícipe de actividades culturais e socialista de corazón tanto na súa vertente partidaria coma sindical , home ligado ao PSdeG e á UXT, traballador nas súas épocas de Hacienda e incluso director dun centro de menores, que tamén tivo tempo para saír na tele. En silencio marchóusenos César Ansias!

Normalmente cando unha persoa morre sempre se fala ben dela. Eu falo libremente do amigo César, vencellado familiarmente coa miña dona e co que participei en diversas actividades. A nivel de Partido, organizamos a exposición da revista La lucha, vello voceiro socialista dos anos 30 no seu 60 aniversario.

Tamén coincidimos na primeira directiva do Clube Cultural Alexandre Bóveda, alá por xaneiro de 1990, entidade na que anos máis tarde chegou a presidir, antes da súa disolución. Sei que César alá onde estea non está só. Todo o contrario. Tanto Marcos Valcárcel coma Benito Losada, compañeiros e amigos daquela primeira directiva, como José Trebolle, directivo posterior, estarán reunidos con el, argallando algunha actividade e preparando unha boa festa.

O teu compromisos social seguro que vén de que cando viñeches ao mundo en 1952 nacía daquelas tamén a cantiga de Georges Brassens 'La mauvais réputation': No meu pobo sen pretensión / teño mala  reputación, 7 Faga o que faga é igual / todo o consideran mal./ Eu non penso pois facer ningún dano / querendo vivir fóra do rabaño”.

Estiveches en 50.000 historias, dunhas saíches con vitoria e outras con derrotas, coma todo o mundo. O que si é certo é que en todas elas te comprometiches e deches todo o beo que tiña de ti, que era moito e moito quedou aínda por dar.

Na túa necrolóxica elixiches a primeira estrofa da cantiga Imagine / Imaxina, doutro inconformista coma foi John Lennon -ao comezo deste artigo-. Os teus amigos e amigas, e familia, cantamos contigo o de “Nada polo que matar ou morrer, / nin tampouco  relixión. / Imaxina a todo o mundo, / vivindo a vida en paz...

Na disolución do Club Alexande Bóveda díxose que "debe ser asumida sen ningún dramatismo nin afán necrolóxico, só como a evolución natural dun colectivo que tamén ten os seus ritmos de vida. Todo o que nace ten que morrer, pero, quizais, tamén todo permanece".  De seguro, César quedará con todos/as nós, ao igual que o seu compromiso con Ourense.

Unha aperta á familia.