Cartas al director

Campo de Aragón, o lugar de maior represión franquista de Galicia

Tristemente a nosa cidade alberga o lugar máis tinguido de sangue de toda Galicia pola represión “legal” que seguiu ao Alzamento Nacional.  Trátase do Campo de Aragón,  a explanada pertencente ao cuartel de San Francisco e antigo convento franciscano.  Alí, segundo os datos recollidos polo proxecto “Nomes e Voces”, morreron fusilados por orde da autoridade militar 119 persoas, das que oito eran mulleres. Outras fontes, como as manexadas polo historiador  Julio Prada, elevan o número de mortes no Campo de Aragón a 133, número superior a de outros lugares de represión galegos tan emblemáticos como o Arsenal Punta do Martiño en Ferrol, con 93 fusilados, o cemiterio de Boisaca en Santiago de Compostela, con 76, ou Punta Herminia, na Coruña, con 64.

Lamentablemente nada ou case nada se fixo pola memoria dos caídos no Campo de Aragón a mans dos rebeldes.  A Lei de Memoria Histórica non supuxo na nosa cidade, como en outros tantos lugares, un avance no recoñecemento deses heroes caídos pola defensa da liberdade e da democracia.  Tan só a iniciativa de Amigos da República permitiu levantar un monumento sufragado por subscrición popular, na fosa común do cemiterio de San Francisco, no ano 2005.

Vítimas dun pacto de silencio que pretendeu igualar aos vencedores cos vencidos, igualar aos que loitaron pola democracia con quen asasinaron por acabar con ela, resulta hoxe unha vergoña que en Ourense as nosas institución non fagan nada por dignificar á memoria deses paisanos inxustamente pasados polas armas, e por dignificar a República, o sistema democrático máis avanzado dos que endexamais gozou o noso país.

A cidade non pode “botar ao esquecemento” a eses cidadáns que deron a súa vida polos seus ideais democráticos. Xa é hora de facer un pouco de xustiza.  Europa enteira está chea de monumentos que lembran aos seus heroes antifascistas. En cada vila, en cada aldea se dignifica aos caídos fronte ao fascismo. Aquí en España mírase para outro lado en prol dunha falsa reconciliación. Non pode haber reconciliación sen xustiza, sen reparación. As feridas están mal pechadas, e non deixará de sangrar ata que se repare a dignidade dos vencidos. Como escribiu o profesor Jesús de Juana, “as feridas que os seres humanos se inflixen non cicatrizan a través do esquecemento, senón mediante a asunción de cada traxedia particular e colectiva”.

Agora é un bo momento para facerlles un recoñecemento aos nosos veciños caídos vítimas da barbarie fascista. Despois de tantos anos de obras nas que o antigo cuartel de San Francisco estivo sendo recuperado para a cidade como gran centro cultural, por fin hoxe semella que as obras están a rematar.  Non sería de xustiza que ese espazo que ocupou o campo de Aragón, e na que agora abrirase unha praza rodeada pola nova biblioteca e o novo arquivo, recibira o nome de Praza da República?  Sen dúbida ningunha, para que sexa completa a reparación da dignidade dos que perderon a vida en defensa dos valores democráticos volatilizados polo Alzamento, é preciso que se restitúa tamén a memoria da República. E eu pediría ademais que se levantase un monumento no centro desa praza coa escultura duns fusilamentos e unha placa co nome de todos os que alí foron executados. Un monumento duro, como o foi no seu día o cadro do Tres de Maio de Goya, pero que serviría para que ninguén esqueza un dos episodios máis terribles ocorridos na nosa cidade en toda a súa historia, e para que ninguén esqueza que máis de cen ourensáns ofreceron alí  a vida na loita pola liberdade.