Cartas al director

Desde a Operación Quilo: Grazas, de corazón!

Un ano máis (e xa van 31), a Asociación Xuvenil Amencer puxo en marcha a Operación Quilo, unha campaña solidaria para recadar un “extra” de alimentos e xoguetes durante a época de Nadal para as persoas que viven en situación desfavorecida na nosa cidade.
Repartido todo o recadado, só queda agradecer a todas e cada unha das persoas a súa “quilaboración”.

A quen vos comprometestes coa OQ doando “o voso peso en quilos” (e incluso algún máis) nos diferentes actos públicos organizados. A quen nos permitistes colocar carros para a recollida nos supermercados e quen deixastes alimentos neles. A quen fixestes a recollida polos supermercados, quen a clasificastes e quen cargastes coas caixas. A quen trouxestes xoguetes e roupa, e a quen axudastes a convertelo en agasallos de Nadal. A quen deixastes moedas nos petos, a quen adquiristes un lazo laranxa, a quen “pagastes” con 1kg a entrada a un evento, a quen permitistes colocar caixas para a recollida e a quen as enchestes de alimentos. Ás familias que nos apoiades e confiades en nós para educar as vosas fillas e fillos na sensibilidade, o compromiso e a solidariedade; elas e eles son a mocidade de hoxe, persoas adultas de mañá. Ás mozas e mozos, por recibir de maneira tan xenerosa a proposta de aprender facendo, de aprender “quilaborando”, de medrar comprometéndovos. A La Región e aos outros medios de comunicación por difundir a iniciativa, contribuír a facer visible o labor de tantas persoas e as necesidades doutras tantas, por mostrar a cara máis solidaria e participativa da mocidade. Ás empresas e a quen transformastes os vosos “quilos” en alimentos… A todas e todos, GRAZAS! 

21.855 kg de alimentos, 880kg de xoguetes, 8.050kg de roupa, 5.975,94 euros, 466 persoas implicadas directamente e 3.191 persoas que poderán pasar un pouco mellor este Nadal de 2017. 

Contigo, con vós, 31 anos quilaborando! Grazas!

Bo Nadal e próspero 2018!