Opinión

Á costa dos pombos!

Que ben se vive á costa dos pombos! Hai alcaldiños que andan de aquí para alá para facer que traballan e, claro, gastando dos erarios. Hainos que visitan dous pasos de peóns que, para máis aquel, sufragounos o Ministerio de Fomento. Pero claro, había que pór a cara bonita para que se pense que se fai, aínda que o único que fagan sexa vivir das pingas de suor dos pobres pombos. Xa tempos ha, o ilustre don Manuel inaugurou a fervenza do río Xallas, como se esta aparecera así dunha sentada ou como se catro operarios da contorna do Ézaro fixeran pedra a pedra a impoñente cachoeira. A verdade é que as inauguracións deben deixar o bico moi doce, porque todos, absolutamente todos se apuntan a impartir a urbi et orbi. Á costa dos pombos! E non se cortan un carallo convocando á prensa e ós diversos medios de comunicación para que programen ós catro ventos as insignes, as eméritas manobras urbanísticas (e políticas) que lles poden dar uns cantos votos máis. Eles saben ben que os pombos, ó final, somos pombos de verdade. E viven felices e contentos á nosa conta. Normal.

Te puede interesar