CON TEXTO

A frecha no azul

20170626205052415_result

Arthur Koestler, home de tantos sitios, tempos e lugares que da perguiza enumeralos, home de mil pezas diferentes pero complementarias nun século convulso cal fora

Líamos moito a Koestler. Líamolo moito nos setenta, por exemplo, á sombra dunha novela súa, “Do cero ao infinito”, para moitos unha das meirandes do século XX. Logo viría unha certa atonía, se cadra a mesma que fixo desaparecer a Stefan Zweig, felizmente recuperado hoxe. Se callar vai pasar cousa semellante con Arthur Koestler, home de tantos sitios que dá perguiza enumeralos, home de mil pezas nun século convulso cal fora o XX, xermolo de totalitarismos, nun dos cales, o comunismo viñera bater a rebeldía koestleriana. Por máis que logo desertara deste ao lle ver os pespuntes estalinistas. Koestler, en fin, fora tantas cousas que fixera tamén de infiltrado na guerra de España, onde chegara conseguir unha entrevista con Queipo de Llano, para o News Chronicle, na que o pintaba como un pallaso sanguinario. Isto fora en Sevilla.

Logo Koestler, logo dun percorrido indirecto, viría dar na Málaga republicana, que na súa desfeita proxectaría a Arthur Koestler nun cárcere sevillano, do que zafou –condena a morte polo medio- grazas á intervención da diplomacia británica, indo máis tarde a Xibraltar da man do aviador franquista, Carlos Haya. Todo isto contado, a través dun estilo elegante que non rexeita maneiras castizas (a palabra, talvez, sería enxebre), por Jorge Freire, ensaísta emerxente con recursos de narrador de altura.

Por suposto que isto non é todo, que este libro conta moitas máis cousas daquel húngaro con pasaporte moscovita (circunstancias, dígase de novo, dun século nun contino virar), quen coñecera a Viena de 1919, recentísimas as feridas dunha guerra perdida (tan ben narradas por Zweig, quen nunca deixa de aparecer, xa se dixo) e logo da súa conversión ao sionismo marchara á Palestina que agoiraba o que acabaría sendo o estado de Israel. Quer dicir que a vida de Koestler, reconstruida por el mesmo nas súas memorias, un dos títulos co que titulo hoxe, A frecha no azul, abondo complexa, ven revisitada en parte no libro de Freire, por máis que este, empregando con habelencia a técnica do mosaico ou do crebacabezas, vaia para atrás e adiante con maneiras cáseque cinematográficas. Centrándose naqueles días españois que nomean libro tan fascinante como recomendable.

Te puede interesar