RABO DE NUBE

A última de Isabel Coixet

libreria_coixet_result

Hay libros que cando van ao cine deixan de selo pero "A Libraría" é unha película que respecta fielmente a novela de Fitzgerald

Diante dunha película, calquera, de Isabel Coixet, sabemos que estamos ao carón dun choio diferente, como peculiar  -e afoutada nos seus ponunciamentos- é esta directora catalana. Que desta volta levou ao celuloide a novela de Penelope Fitzgerald que reseñei aquí a semana pasada. E así como hai libros que cando van ao cine deixan de selo asolutamente, caso extremo O corazón das tebras, de Joseph Conrad, mudado en Apocalypse Now, a semellanza lonxanísima, outros son reflexo perfecto do que neles hai. Tamén, por certo, existen novelas que xorden do filme, caso O derradeiro tango en París, por citar unha peli fermosísima (e o libro homónimo nada de nada, por clónico). O conto, en fin, é que A libraría de Isabel Coixet, e veño de comprobalo “in situ”, é cuspidiña á de Penelope Fitzgerald, con sumo proveito, en ambos casos, para o espectador e lector, mesteres diversos como é sabido, mais –cando combinan- que alegría para o cocteleiro.

O invento, como da Coixet, bota man de actores ingleses, coidando ese público de fala saxona, primeiro destinatario da novela de Fitzgerald, mais o equipo técnico é destes eidos, o que demostra o cosmopolitismo de Isabel Coixet, últimamente agredida verbalmente por quen non partilla a súa postura “unionista” (digamos, por empregar un termo da miña parcialidade). Entre eses actores eu salientaría á libreira, non outra que Emily Mortimer, una actriz en estado de graza, que sorrí cos ollos e transmite con eles amor e perplexidade, e maneiras de querer vivir. Emily, por certo, é filla dese escritor británico tan interesante, e corrosivo, que se chama John Mortimer, e dela xa tíveramos noticia en Match-Point, de Woody Allen. A única diferencia entre a novela e a película é que nesta Emily é máis glamurosa, e alta, que o personaxe de Florence Green, tal como o vemos no libro. Igualmente  Mr. Brundish, no filme representado por John Nighy, un actor tan serio como a escola británica da que procede, ten un aquel de misterio máis acentuado en Coixet que en Fitzgerald, e é que ás veces convén que os recriadores ergan o vóo con meirande liberalidade, non sei. Sei, en cambio, que ambos; libro e película son unha regalía para a xente sensible. Non os perdan.

Te puede interesar