Opinión

A voltas coa crise

Canso de escoitar falar ós gobernantes de que estamos saíndo da crise, empezo a sospeitar que o que nos din con tanta teimosía actúa de pracebo para entreternos e dulcificarnos a vida, posto que non é verdade que estemos deixando atrás tal situación. A crise que hoxe padecemos veu para quedarse, dado que é froito de grandes desequilibrios económicos agudizados polo fenómeno da globalización e que teñen moi mala solución. Téntanse solventar so dende o punto de vista do liberalismo económico sen normas nin control e vía recortes de dereitos, sempre coa total ausencia e visión da parte social, que é a que sempre sae perdendo.

Cinguíndonos ó goberno do Estado e tamén da Xunta, o futuro pinta cheo de incertidume. Pinta escuro e sen nada esperanzador a curto prazo. Empezarei polo goberno de Feijoo que, despois de ser un fiel recortador de servizos seguindo as ordes de Xénova, vai ter que tragar con outro recorte presupostario, pois iste farase en base as necesidades de equilibrio do conxunto do Estado. Ou se o prefiren, das demais autonomías. Os galegos teremos ración dobre de recortes polo buenismo dun Feijoo que quería facerse ver para que lle deran un posto na metrópole madrilena. Galicia volverá ter recortes orzamentarios por ser cumpridora e aplicar os mandatos de Rajoy ó pé da letra.

A segunda cuestión que chama a atención é a insistencia na que dona Fátima, ministra de Traballo, fala da creación de emprego e o aumento das pensións. A cousa non ten desperdicio. Cada vez que fala esta señora percíbese un cinismo insultante nas súas declaracións. Claro, para iso recibimos todos os pensionistas unha carta asinada na que nos di que a nosa pensión subiu un 0,25%, o que ven sendo unha esmola. E logo di que non perdemos poder adquisitivo. En fin, sen comentarios.

A cuestión restante refírese ás declaracións recentes do presidente Rajoy. Dixo: “Hai que incentivar o aforro”. Ou sexa: facer plans complementarios de pensións como axuda á xubilación futura, ou para potenciar e axudar na educación dos fillos. Queda claro que nestas mensaxes que lanza o presidente hai que darlle moita importancia o que non se dí pero se intúe. Con todo, a pregunta esta no ar: cómo se pode aforrar con soldos de miseria e con contratos laborais por horas ou días? Imposible.

Por iso afirmo que a crise non rematou. Non. A crise veu para quedarse. Precisamos que haxa gobernos que sexan capaces de, diante fenómenos como o que vivimos actualmente, encetar un diálogo no que a parte social tamén teña o seu espazo e as súas recompensas polos sacrificios e recortes sofridos. Un exemplo podería ser o pacto recente en Alemania, onde ós conservadores tiveron que ceder cuestións importantes á parte social.

Pero, despois do acontecido, dá a sensación de que no Estado todo camiña por vieiros conservadores. Chegar a grandes consensos para repartir as causas da crise, parece, a día de hoxe, algo imposible. Seguiremos escoitando, como se fora un mantra, que estamos saíndo da crise, aínda que realidade o desminta día a dia. Conclusión: non imos a mellor.

Te puede interesar