Opinión

Andrea López, escritora desde cativa

Cada vez admiro máis a esa xente que se lanza a peito descuberto, que é o mesmo que lanzarse ó baleiro, coa intención de sacar adiante aquela idea ou ideas que lles roldan pola cabeza. Son dignas de meter nese caixón dos heroes anónimos, eses heroes polos que sempre sinto e sentirei certa paixón. Despois hai certas actividades nas que a admiración vai incluso máis alá do heroísmo, porque ata se pode dicir que é unha actividade cruel para quen empeza e, para máis aquel, sendo muller e noviña, nun mundo no que aínda que nos custe recoñecer segue a ser machista: a da publicación dun libro, do primeiro libro que se escribe.

Escribir, a algúns ata lles pode parecer e resultar fácil. Escribir é bonito. Quen máis, quen menos empezamos a escribir de adolescentes; ou ben porque os versos brotan dos fortes sentimentos, ou ben porque as fantasías viaxan ou navegan por unhas idades nas que nos sentimos os reis do mundo. Quen non soñou cos latexos dun corazón deitado nun papel? Quen non soñou con ser o Capitán Trueno ou o Supermán para que o mundo seguise o seu curso? Escribir é bonito. Pero é moi difícil publicar. E aquel, mellor dito, aquela que o consegue por primeira vez imaxínoa cun halo de explosión semellante a esas ansiadas bombas de palenque no día do patrón de calquera parroquia. Quen de rapaz non esperaba esa bomba de palenque? Era a éxtase festiva.

Imaxino a Andrea López Saborido o día que lle comunicaron que lle publicaban a súa primeira, e por agora, única novela: “No sin ti”. Admito que alcanzase a éxtase ou que sentise que subía ó sétimo ceo para veu estoupar a bomba de palenque. A ver!, era como romper o cordón umbilical. Parira a novela e había que soltala para que se espallase polas librarías e bibliotecas.

Non hai moito, o 17 de febreiro, chegou ela mesma para esparexela pola libraría Eixo da nosa cidade. Alí, a súa íntima amiga Antonia Opazo Otero divulgou, propagou varias páxinas, estendeu un pequeno resumo dunha novela fresca, de moi fácil lectura. “No sin ti” amosa a unha licenciada á que lle ofrecen traballo nunha axencia de detectives en Londres e axiña se verá inmersa nunha trama de acción para demostrar que o seu obxectivo é un asasino. Nora busca vivir unha experiencia e non sabe onde se mete. De repente as circunstancias supérana e iso dá lugar a que ela se atope nunha encrucillada na que se xuntan o amor, o medo e o misterio. A mestura perfecta para que a novela engarce, prenda nun. De verdade que engancha.

Polas páxinas de “No sin ti” asoman descricións realmente incribles con escenas que case se pode dicir que son cinematográficas. Outro dos puntos fortes é que o personaxe principal aparece tan só en dúas ou tres escenas, está como ausente, non obstante, séntelo de continuo. E, pola contra, o personaxe secundario do libro seica será o que protagonizará a súa seguinte novela, que xa ten medio argallada na cabeza, “pero isto non quere dicir que sexa a segunda parte de “No sin ti”, recalcou Andrea López na súa presentación.

Andrea López Saborido naceu en Vigo o 24 de xuño de 1984 (a piques de cumprir 33 anos). Cursou os seus estudos primarios, secundarios e de bacharelato no colexio Salesianos da cidade olívica. Despois xa lle deu ós estudos de administración e dirección de empresas. Traballou durante algúns anos no sector das artes gráficas. Auténtica devoradora de libros e escritora de pequenos relatos desde moi pequeniña, que, a xente, ó lerllos, foi a que acirrou nela para que iniciase a súa primeira obra longa.
E, segundo palabras dela, iniciouna na súa época de embarazada, cando tiña que estar en repouso. Debuxou dúas ou tres escenas na cabeza e axiña pasou a desenvolvelas. Logo xa lle chegou a época da tensión (como a da novela), do calvario, do heroísmo que comentaba ó principio: o da súa publicación. Mandou a novela a catro editoriais e, logo de catro anos!, unha delas, Ediciones Atlantis contacta con ela para lanzarlle cara ó ceo literario a bomba de palenque. Viuna estourar e está contenta, moi contenta. Normal, despois de vivir unha auténtica angustia durante catro anos. Iso é heroísmo ou non é heroísmo?

Te puede interesar