Ángel Pantoja, unha exposición icona dun sentir

eeww_result

Bustos nunha galería, ao xeito antigo, marabillosas pezas de branco mármore, iluminadas con coidado para amosar a precisión do traballo minucioso co cicel, a finura na composición do xesto apropiado ao carácter de cadansúa figura. Son unha ampla galería de retratos de homes e mulleres. Homes de coidadas barbas, melenas traballadas a trépano, así como os ollos, para darlles fondura psicolóxica ao aderezo persoal. Apenas sorrín, que son Condes e Marqueses, ou Baróns. As mulleres locen os seus vestidos cheos de adornos, puntillas ou frores, arredor dos peitos, destacándoos ou disimulándoos, algunha delas amosándoos nun acaído xiro en escorzo; e artificiosos peiteados segundo as modas. Todos eles conforman, erguidos nas súas peañas, un bizarro e acaído conxunto, cos perfís dos seus bustos de medio corpo recortándose contra a cor negra do fondo que uniforma o conxunto. 

Teñen todos un tamaño similar dentro dos seus bastidores, colgados nas paredes da sala do primeiro andar do Marcos Valcárcel, e presididos por un gran cartaz no que está unha muller con cara de home e gorra de baloncesto… O escamoteo dos verdadeiros rostros é a constante da exposición creada por Ángel Pantoja, quen escolleu dende os orixinais dixitalizados na net obras de Alessandro Algardi, comezos do XVII, Jean-Antoine Houdon e Lorenzo Bartolini (séculos XVIII-XIX), escultor iste ‘del bello naturale’, Jean Baptiste Carpeaux, o escultor neoclásico escocés Lawrence MacDonald ou o americano Hiram Powers (séc. XIX). Pescudar as súas autorías resulta un estimulante exercicio e tamén percorrer as imaxes resultantes da hibridación final. En especial resultounos achar o busto manierista renacentista de Cosme I Medici (ca. 1539-1540), IIº duque de Florencia, realizado por Baccio Bandinelli... ao que lle engade unha cabeza feminina con grandes tirabuzóns. Pantoja é un artista de Sevilla, onde fixo e concibiu as obras, que chegan aquí co gallo do Outono Fotográfico 35, coa coordinación e curadoría de Vítor Nieves. 

Na súa terra andaluza presentáraa con outras series súas nunha magna exposición en tres andares baixo o nome de ‘Mitologías del presente’. Ben significativa do que sinalamos é, entre outras moitas moi explícitas, a do militar con ombreiras e banda entre o peito... Ante esta manchea de bustos-retrato virados desta exposición podemos preguntarmos se é unha realidade no mundo do artista, ou un desexo seu? Mais non, a mostra artística acada a categoría de alegoría da mestizaxe, que o corpo é dun e a cabeza doutro, xa que logo o título dela é aquí ‘Descrenzas de xénero’. Por outra parte, fai décadas que as xentes de clases poderosas deron en decorar as súas mansións con arte, e cal facían os patricios romanos, pediron que os talleres lles fragmentasen en modo busto reproducións limitadas de obras como a Afrodita de Milo, famosa obra helenística, ou o Apolo de Belvedere, que noutra escala e materiais inferiores en calidade póñense á venda popular. E así pasou con relevos romanos, neoclásicos ou renacentistas, que diferencialos hoxe non resulta doado. Mais aquí o que hai é no fondo un discurso de xéneros dende a habilidade técnica dun artista con traxectoria creativa a seguir.

Te puede interesar