Opinión

Artista total

No noso país quizais só se coñeza á actriz italiana Mariangela Melato por lle dar vida a Vandale en “A árbore de Guernica” (1975), cun dos personaxes principais desta coprodución ítalo-francesa dirixida polo español Fernando Arrabal sobre a Guerra Civil Española, pero Mariangela Melato era unha artista total que deixou pegada na historia do cine e o teatro italiano.

Filla dunha modista e dun policía, nacera en Milán o 19 de setembro de 1941 e axiña se puxo a estudar artes escénicas na Academia Brera. Fíxose bastante famosa grazas a un trío de exitosas películas de Lina Wertmüller, entre elas “Mimí, metalúrxico ferido no honor”, de 1971, “Amor e anarquía”, de 1972, e “Insólita aventura de verán”, de 1974, que, 28 anos máis tarde, Madonna intentou emular na desastrosa copia coñecida como “Varridos pola marea”, dirixida por Guy Ritchie.

Pero antes, a actriz italiana traballou co gran Dario Fo entre 1963 e 1965. Dous anos máis tarde faríao ás ordes doutro grande: don Luchino Visconti, e no 1968 acadaría un gran éxito de crítica en teatro coa obra “Orlando furioso”, de Luca Ronconi. Nas táboas representaría tamén as traxedias “Medea” e “Fedra”, de Eurípides, e a comedia “Vestir ós espidos”, de Luigi Pirandello, rematando con grandes obras como “Quen teme a Virxinia Wolf?”, “Casa de monecas”, “A Electra séntalle ben o loito”, “Un tranvía chamado Desexo” e “As troianas”, entre outras.

A década de 1970 foi o seu máis frutífero período cinematográfico xunto a Nino Manfredi, Vittorio De Sica e Giancarlo Giannini, sen contar xa a Lina Wertmüller. E posteriormente traballaría con Claude Chabrol, Luigi Comencini, Pupi Avati e Elio Petri.

Ela mesma se consideraba unha actriz de método antigo, unha actriz que tiña que facer rir ou chorar e utilizando de modo distinto os mesmos ingredientes de sempre: a cara, os ollos, a boca, o corpo, sen moitos disfraces. Cun rostro afastado dos canons da beleza típica, unha voz profunda e única, unha xestualidade ás veces medida e outras volcánica, Mariangela Melato foi unha actriz brillante e capaz, cun rexistro cómico fulminante e que se enfrontou a personaxes tan variados que lle fixeron acadar  os mellor premios cinematográficos e teatrais do seu país.  Morreu o 11 de xaneiro de 2013 dun cancro de páncreas na capital italiana.

Te puede interesar