ENTREVISTA

Avelino Sierra: "Tento contar a vida dos veciños da Merca nun século de moita opresión"

__avelinos
photo_camera O autor do libro, Avelino Sierra.

Avelino Sierra afonda nas peculiaridades da vida cotiá dos habitantes da Merca de mediados do século XVIII no libro "A Merca no Réxime Señorial"

Avelino Sierra afonda nas peculiaridades da vida cotiá dos habitantes da Merca de mediados do século XVIII no libro "A Merca no Réxime Señorial", que este venres foi presentado na Deputación Provincial. 

Que podemos atopar en “A Merca no Réxime Señorial"?

É un estudo sobre a situación xurídica, económica, social, cultural e relixiosa do municipio da Merca na metade do século XVIII, concretamente en 1750. Non pretende ser ningún tratado nin tese doutoral, senón que se centra na etnografía e antropoloxía en toda a época, extensible incluso ó século XIX. Daquela, A Merca estaba constituída en oito coutos independentes mandados por un señor feudal, sendo dous deles de control eclesiástico, sometidos a un réxime avasallador onde os que mandaban ostentaban dereitos territoriais, de fidalguía e padroado, polo que soportaban unha serie de impostos tremendos. Era unha época de moita opresión e este libro conta como vivía, vestía, comía ou rezaba a xente.

Como chegou vostede a interesarse por este tema?

É un libro concebido hai 52 anos. Son natural de Parderrubias e en 1966 tiven ocasión de vivir na casa rectoral da Merca durante catro meses porque o meu irmán, Benigno Sierra, era párroco de Vilar. Alí estiven preparando as oposicións e el facíame ir a misa tódolos días. Funme familiarizando coa igrexa e a xente. Chamou a miña atención un mausoleo pertencente á familia de Manuel Mosquera Villar Pimentel e descubrín que no ano 1366, o infante Felipe, neto de Alfonso X O Sabio, creou o señorío Vilar de Paio Muñiz. Foi así como vin que aquela parroquia tiña unha historia que eu descoñecía. Anos despois, cando me xubilei, decidín darlle forma porque a idea de contar esta historia quedara remuíndo na miña cabeza.

A pesar de que non se trata dun libro documental, tivo que facer un importante labor de investigación.

É por iso que centrei o tema en 1750, por ser a época na que existe un mínimo de fontes documentais pero tampouco moitas. O problema ó escribir da historia da Merca  é que non existen esas fontes. Pero a experiencia foi moi gratificante.

Te puede interesar