AXENDA CULTURAL

Barbadás escachará coa risa

Un concursante expón a súa proposta na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás.
photo_camera Un concursante expón a súa proposta na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás.

Este venres celébrase a final do concurso de monólogos "Linguareteando", nunha gala na que tamén actuará o humorista Sergio Pazos

"Hai moita xente creativa e talentosa que está agochada. Esta clase de concursos fan aflorar estas virtudes", explica a concelleira de Cultura de Barbadás, Ánxela González, en alusión ao concurso de monólogos "Linguareteando". Unha iniciativa do Concello que "busca a posta en valor da nosa lingua, mostrando que se pode facer humor en galego". Este venres celébrase a súa gala final, da que sairá o gañador do premio de 1.000 euros. A cita será na Casa da Cultura Manuel María, ás 20,00 horas, con entrada gratuita.

Con esta terceira edición, González asegura que o evento está totalmente asentado. Ao principio, "á xente dáballe corte presentarse, pero agora xa se anotaron sen necesidade de facer nós unha campaña tan agresiva". Ademais, o "Linguareteando" converteuse nun "concurso recoñecido fóra de Barbadás. Este ano temos participantes de Santiago de Compostela ou Carballo, e a gañadora da primeira edición conseguiu bastante atención mediática, e mesmo venceu en máis concursos!", recorda González. 

Na gala final deste venres, os catro finalistas presentarán os seus monólogos, que serán valorados por un xurado profesional, polo público e a través da votación online. "A calidade é moi alta, se estivese na pel do xurado, teríao moi difícil!". Como colofón, actuará o humorista ourensán Sergio Pazos, presentando o seu monólogo "Afiando con humor". "Será a estrela da gala final, á que invitamos a todo o mundo a vir para pasar un anaco moi divertido".

Lugar: Casa da Cultura de Barbadás

Hora: 20,00 

Te puede interesar