arte et alia

Barreiros: reeducando a mirada

1_result
photo_camera As teas das arañeiras.

O B/N tecnoloxía predilecta de Barreiros. Esta é a súa cor, para falarmos con unha linguaxe sen distraccións nesta mostra na galería municipal J.A. Valente.

Debemos achegarmos á verdade pola razón ou pola beleza, dicía fai uns días Jorge Edelstein, mais o astrofísico non percibía a dimensión individual da emoción. Esta é a que Santiago Barreiros Camba (Ourense, 1950) nos transmite dende o sosego e a contemplación, cámara en man, en soidade, deixándose sorprender pola paisaxe para aprender..., un novo tempo para a vida da man da sensibilidade. Dende a pausa/stand by, na que se acha. Eis a ‘Xeografía do efémero’, Galicia, con outra mirada. Sen présas, sentado, falamos, e díxome, ‘sentín a necesidade de pararme’. Capta así as gaivotas das illas Cíes, coa técnica de varrido sostido ‘Voo sen ás’ con unha velocidade lenta para tentar seguir o seu voo, con fondo perdido e desenfocado. Unha abstracción. E un acaído grupo de teas de arañeira cheas das rosadas das mañás... fíos coa auga decantada, e concentrada, que nos ofrece todos xuntos, unidos. Tecen e destecen estes artrópodos, símbolo da Lúa, a tecedora dos destinos. Mais o noso cabelo non é como a súa tea, pois cando chove enchoupase. E xa que logo somos uns ’invitados da vida’, como apunta Heidegger, forzados ‘geworfen’, lanzados ao nacer sen poder elixir lugar ou época, unha boa saúde ou as circunstancias, vivamos como invitados entre nós. Nacemos nun escuro claustro materno, imaxes en branco e negro que vemos sen ver, e marcharemos cara outras semellantes. O B/N tecnoloxía predilecta de Barreiros. Esta é a súa cor, para falarmos con unha linguaxe sen distraccións nesta mostra na galería municipal J.A. Valente. Ela está a ser a exposición a gran exposición do verán ourensá, sutil e marabillosa, dende o efémero. Está acompañada ademais con un corto de Begoña Losada, nun recuncho da tripartita sala. A cores, obra de muller: o dinámico da vida, que se xunta con Santi Barreiros para acadar esta beleza. O catálogo, tamén magnífico, leva o deseño de Marcos Nácher. 

ESCOITAR GALICIA

A súa actitude central, o eixo desta exposición, é a espera, deixar que a natureza galega lle fale, escoitala. Os golpes do vento, os cambios da luz, o brillo da auga cando cae..., nuns lugares que coñece, mais mudou a actitude para construír un novo mundo dende a percepción de fotógrafo que deprendeu a ver a beleza no que lle semellaba que non a tiña; e Barreiros comezou a ver como nunca antes. Ese día foi espectador e creador, simultaneamente, coa superficie dun tronco, unha paisaxe rochosa, até as mareas e os seus efectos na natureza, dende o sólido das súas estruturas ata o gasoso, e sempre efémero... unha reeducación  da mirada co ollo do silencio. Pensa así Santi con Ansel Adams que unha fotografía non é un accidente: é un concepto. Experimentador dela dende comezos dos anos setenta, aprendizaxe en París e Madrid, estudio en Ourense con Fernando del Río, e logo unha intensa actividade individual na fotografía industrial, moda e reportaxes, de viaxes e présas, mesturadas nos últimos anos con exposicións conxuntas con Nito Contreras, escultor ourensán que vive en Roma, cheas de compromiso creador. Como agora, unha fotografía limpa e honesta de Galicia.

Te puede interesar