Esta peza da Baixa Idade Media dividía as xurisdicións eclesiásticas de Ourense, Santiago e Lugo
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou o proxecto de actuación arqueolóxica para a posta en valor do marco Mesa dos Bispos, situado na localidade de As Antas, en Beariz. A intervención será levada a cabo polo arqueólogo Jorge Lamas Bértolo e o seu equipo, que ten previsto comezar o próximo martes. Trátase dun marco datado na Baixa Idade Media e Época Moderna ubicado no punto de encontro das xuridicións eclesiásticas de Ourense, Santiago e Lugo e que tamén dividía outras tres xurisdicións laicas, a de Montes, a de Caldelas de Orcellón e a do Deza, segundo apunta Jorge Lamas.
Os traballos consistirán na limpeza da parcela na que se localiza o marco e a escavación arqueolóxica dunha cata de 2x1 metros aproximadamente no contorno do marco co fin de retiralo e comprobar en que condicións se atopa a parte soterrada e a que profundidade. Coas excavacións tamén se persigue localizar posibles restos doutras tres pedras que formarían parte do conxunto “Mesa dos Bispos". Posteriormente delimitarase o espazo e farase unha limpeza do marco.
"Pretendemos axardinar a contorna e recolocar o marco xurisdicional porque agora está inclinado e mal orientado, tamén se colocará un panel explicativo de como era esa zona fai 400 ou 500 anos", indica o arqueólogo.
O marco ten forma rectangular, un metro de alto, 50 centímetros de ancho e 25 de grosor, e ten as inscricións ORS, que corresponde a xurisdición de Ourense; TO, de Santiago e LG, de Lugo.
"Está nun lugar importante de encontro de camiños, de arrieiros de paso entre Santiago e Pontevedra, e está dentro do Camiño Miñoto Ribeiro", señala Jorge Lamas.
Respecto da súa importancia histórica, engade o arqueólogo que "é dos poucos marcos que se conservan a nivel documental e físico", asegurando que "non coñecemos ningún outro marco na comarca que delimite tres xurisdicións tanto eclesiásticas como laicas".
O Concello de Beariz posúe unha importante riqueza arqueolóxica, con numerosas mamoas e castros, entre outros restos. O Concello tamén está agora á espera de obter autorización e conseguir financiación para escavar no castro de Magros.
Jorge Lamas foi tamén o director das escavacións que se levaron a cabo recentemente, en torno aos meses de marzo e abril pasados, na Torre Medieval de Godás, no Carballiño. Os traballos deixaron ao descuberto os muros desta torre defensiva do século XIV, que agora xa pode ser visitada.