Opinión

Bolsiñas para humanos

Así, falando en xeral, non me gustan os cans. Hai excepcións, por suposto. Primeiro e sobre todo, os lazarillos que axudan a cegos de todo o mundo; estes máis ca cans, son xente da boa. Logo os San Bernardos, cuxa imaxinería fantástica nolos presenta cun barriliño de whisky colgado do pescozo e seica é soño -o último- dos perdidos na neve. Tamén me resultan admirables os cans que buscan droga. Menos ben me caen os que andan á procura de xamón e embutidos nas maletas dos aeroportos chilenos. Tamén amo, digámolo así, os que buscan vida entre os cascallos despois dos terremotos e que tanto ben teñen feito. En fin, tamén quero, por suposto, os cans e cadeliños tranquilos e pacíficos que fan compañía a xente maior e non tan maior soa, e incluso aqueles que axudan na detección de enfermidades nas persoas con máis fiabilidade case que as máquinas e que supón unha liña de investigación revolucionaria, lóxica e con fácil futuro. Entrañables, por suposto, os listísimos cans pastores que arrecadan as ovellas e as levan dun sitio para outro e se arrepoñen ao lobo. 

Pero, na mesma medida, exaspéranme os cans que me ladran como posesos, devecendo por atacarme, cando ando polos camiños. Non, non podo andar tranquilo cando un becho de cincuenta ou sesenta quilos me mira con ollos de odio, arregaña os dentes, e se lanza contra o valado que o contén como tratando de furalo. Non me interesan os porqués do seu comportamento -non son psicólogo de cans- e só abomino do seu comportamento. Non soporto andar dando un paseo por un espazo público sen molestar a ninguén, e verme ameazado, agredido na miña tranquilidade por unha fera semisalvaxe semiabandonada nunha casa. Xa sei que o can é can e que esa é a súa natureza, pero non. Non me interesa. Teño dereito -os humanos, únicos suxeitos de dereito- a non ser molestado por ninguén se non fago nada malo. E nese ninguén inclúo, por suposto, os cans e calquera outra bicharracada que puidese haber.Se cadra por isto, admiro e estimo no máximo o comportamento educado cada vez de máis xente cando van cos cadelos e apañan as súas cagadas cunha bolsiña de plástico. Desde logo é felicitable este comportamento, un dos moitos positivos e exemplares que se estenden e que dan medida da civilización progresiva da nosa sociedade. Incluso o outro día vin unha persoa limpando cun clinex o chan, pois o can andáballe algo esfurricado. O nivel da miña admiración -que é moita- está en proporción directa co asco persoal que me produce. 

En fin, que estes días de verán que me dediquei a andar por esgrevios e solitarios camiños de costa e pensei que habería que promocionar tamén unhas bolsiñas desas para humanos. E o que acontece con estes camiños, acontece con recunchos anexos aos paseos do río en Ourense. Explícome. É de todo razoable que os paseantes alivien as súas urxencias fisiolóxicas en zonas agochadas colindantes cos camiños. A biodegradabilidade do tema, así o permite. Pero de aí a deixar todo cheo de restos de panos de papel -e en lugares específicos, de extrafinos receptáculos de caucho transparente e restos de fundas cadradas dos mesmos- hai un cacho. Se para os cans hai un protocolo, tamén para o dos humanos. Kleenex, condóns, etc. recóllaos o usuario en bolsiñas e deposíteos o usuario onde é pertinente. Lembro aquela vella campaña de cando as miñas fillas eran pequenas: “Bolsiña, bidonciño”. Pois iso.

Te puede interesar