REPORTAXE

Búscase caldelao auténtico

castr_result
photo_camera Participantes no casting e a alcaldesa con membros de Queiman e Pousa(abaixo)

Castro Caldelas, nomeado recentemente como un dos pobos máis fermosos do país, quere que Festa dos Fachós sexa de Interese Turístico. Un espectáculo nunca feito na celebración busca veciños para lograr o obxectivo.

Cando Castro Caldelas entrou no clube dos pobos máis fermosos de España, o pasado mes de decembro, os veciños pasearon o orgullo e a unión polo castelo e outras marabillas da terra da bica. Esa conexión do pobo é a única que explica que convocar á xente a un casting para un espectáculo inédito para a Festa do Fachós sexa a actividade do día na vila, reuníndose todos no castelo. Porén, a produtora que organiza este evento novo no marco dunha das tradicións máis antigas de Galicia, petou en cada porta para atopar máis protagonistas da súa propia lenda, que será representada o próximo venres 19.

"Cando nos declararon un dos pobos máis bonitos do país, propuxémonos que a Festa dos Fachós sexa declarada de Interese Turístico. Queremos facer unha revalorización desta tradición sen que perda o seu carácter antropolóxico. Queremos que a historia de Castro Caldelas sexa coñecida e para iso había que involucrar aos veciños", explica a alcaldesa, Sara Inés Vega.

Un espectáculo visual único

Un rapaz que emigra dende Castro Caldelas a Arxentina no 1920 é o eixe do videoclip e o espectáculo de palla, lume, música e queimada que organiza a produtora Queiman e Pousa. "En total, 50 veciños fusionan este evento que complementa a festa, onde estará tamén a Banda de Gaitas Os Trabazos, Airiños de Caldelas e o Folión Irrio de Caldelas", explica "Bruxo" Queiman, un dos creativos. "Gústanos integrar a xente de cada lugar, e por iso será un espectáculo único", engade Andrea Pousa, outra das organizadoras e a voz do espectáculo, que interpretará a unha deusa no castelo de Castro Caldelas.

As verbas de Rosalía de Castro e Ramón Cabanillas tamén cobran vida nesta función, aparecendo nun tema musical composto polo grupo Milson's. Unha banda sonora dun videoclip que dirixe Fabián Figueroa, encargado de atopar á nai do protagonista, ese neno que emigra nos anos 20 e queda soa en Castro Caldelas. "Tes que poñer cara de pena porque marcha teu fillo e darlle un abrazo", explica a unha das candidatas que se presentou onte no castelo. Ao casting acudiron máis veciños para facer de extras no espectáculo, entre eles César "Cachín", o colleiteiro que chegou co seu viño á Casa Blanca. "Sería un pracer facer de extra, eu considérome unha persoa da terra e de todo o que sexa facer patria", di mentres lle sacan o perfil.

Tradición indestrutible

"Para nós é moi importante que esté patente a conservación desta festa. Seguiu facéndose incluso na ditadura franquista, cando se prohibía a asociación de máis de tres persoas e se logrou burlar iso. Ían tres de procesión, volvían e marchaban outros tres", recorda a alcaldesa. Quen fixo que os fachós nunca deixasen de alumear Castro Caldelas foron os veciños, e nesta edición, poderán ser aínda máis protagonistas. "Eu tiña un viaxe a EE.UU o día 18 pero cambieino para o 22, os Fachós non podía perdelos", solta un caldelao. A esencia dun pobo, en pleno espectáculo. 

Te puede interesar