Opinión

Cara onde nos leva a sumisión?

Xusto un día despois do anuncio de Trump da ruptura do acordo con Irán, o presidente da Xunta rectificaba á alza en varias décimas o crecemento do PIB pra este ano, que en principio estaba estimado nun 2,5%. Este anuncio era posterior á nova estimación que facía hai uns días o FMI sobre a economía do Estado español, subindo as previsións de crecemento ate o 2,8%. A Xunta destacaba que este ano íase chegar aos 70.000 postos de traballo na lexislatura, e argumentaba que dados tan positivos debíanse ao equilibrio orzamentario, e á estabilidade política e institucional na Galiza. 

En varios artigos anteriores teño manifestado que o actual crecemento da economía está baseado fundamentalmente en circunstancias conxunturais. Co agravante de que dependen esencialmente de factores externos, como son: un prezo do petróleo baixo, a flexibilidade cuantitativa do Banco Central Europeo, unha relación euro dólar que beneficia as exportacións, e o auxe do turismo por mor da situación de inestabilidade en países competidores. Hai outro aspecto que incide, mais non dun xeito tan salientábel, xa que en boa medida foi absorbido polo medre do lucro empresarial, e non polo investimento e a innovación. Refírome á deflación das condicións laborais: rebaixa dos salarios, aumento da xornada e dos ritmos de traballo, e temporalidade dos contratos. Daquela que o medre do PIB crecese a desigualdade social e a precariedade laboral.

Resulta evidente que a ruptura por Estados Unidos do acordo con Iran, a respecto da conxelación do desenvolvemento de armamento atómico por parte de Teherán, terá consecuencias inmediatas sobre a economía, empurrando á alza o prezo do petróleo. Especialmente se ademais temos en conta as sancións a Iran, e a presión económica e política sobre Venezuela, outro gran produtor de petróleo. Algúns economistas destacan que se reducirá o crecemento da economía en varias decimas, o que rebaixa ás expectativas de xeración de emprego, tanto no Estado español como no resto da Unión Europea, especialmente naqueles estados importadores de petróleo. 

Un medre menor no PIB tamén afectará o turismo, máxime cando hai indicios de que Turquía e Exipto están a recuperar visitantes. Pensemos que foi esta actividade a que fixo de locomotora do crecemento da economía e do emprego, tanto no Estado español como en Portugal. Tampouco se pode obviar, que o aumento da tensión militar, e a presión de Washington e a OTAN, están dando pulo ao gasto militar en detrimento do investimento nas actividades produtivas, das prestacións e servizos sociais, etc. 

A situación de Galiza non é tan optimista como a debuxa o presidente Núñez Feijóo, como reflicte a emigración da mocidade e a caída demográfica, mesmo cunha economía en crecemento, nen o futuro é tan esplendoroso. Máxime, considerando que aos atrancos aos que facía referencia hai que lles sumar unha maior contribución aos orzamentos da UE por mor do Brexit, a reforma da PAC, e a incidencia que en materia agrícola terán os acordos co Mercosur. 

Ou sexa, non se poden obviar as novas medidas agresivas do imperialismo, máxime cando a globalización acentuou o carácter subalterno e dependente de Galiza, tanto en termos económicos, como políticos (tamén nos culturais e lingüísticos). Nen a economía nen a política son unha foto fixa. Urxe que Núñez Feijóo e seu governo confronten esta tendencia regresiva antes de que non sexa reversíbel. Fai falla un plano de ordenación do territorio, de investigación e industrialización diversificada. Cómpre un proxecto centrado nos intereses do povo galego, que rache coa dinámica actual que todo o reduce a aplicar as normas que se ditan dende Madrid e Bruxelas, e a servir con eficiencia aos grandes grupos empresariais.

Te puede interesar