Hai moitas veces que a Administración desespera. Díganllo a Olegario Rodríguez, un ourensán, que quedou sen coche en 1993 e en 2011 reclamáronlle os recibos do imposto de vehículos dos anos 2007 ó 2011.

O caso do recibo imposible

Olegario Rodríguez, co documento. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Os ladróns roubaron o seu coche, que nunca máis apareceu.
Por iso, pediu e obtivo do Concello de Ourense a exención do correspondente pago do imposto de vehículos. O caso é que 16 anos despois unha notificación municipal reclamoulle o abono do tributo de 2007; e uns meses despois chegaría a reclamación dos recibos de anos posteriores, así ata 2011. Olegario Rodríguez Rial, que así se chama este sufrido contribuinte, gañou os recursos ante o Tribunal Económico Administrativo municipal pero a piques estivo de desesperar porque ata chegaron a embargarlle a conta bancaria; só unha paciencia infinita e conservar o documento que o eximía do pago do imposto -'unha auténtica milagre que non o tirara despois de tantos anos'- permitiron que se fixese xustiza. Eso si, aínda espera que o Concello lle devolva os 272,85 euros que lle cobrou indebidamente.

O pesadelo de Olegario Rodríguez Rial, funcionario afincado en Ourense, comezou o 2 de xaneiro de 2011, cando recibiu no seu domicilio a sorprendente notificación de pago do imposto de vehículos polo ano 2007 por aquel VW Golf con matrícula OR-7683-M que nunca apareceu. Días despois presentou no servizo de Facenda do Concello o seu primeiro recurso, xuntando copia da exención concedida en 1995. Era un acordo da comisión de goberno de 1 de decembro que anulaba os recibos de 1994 e 1995, e no que a víctima do roubo se comprometía a dar o coche de alta se aparecía.

A Administración desestimou o recurso, alegando que aparecía no arquivo da Xefatura de Tráfico pero el decidiu non dar por bo aquel 'disparate administrativo' -como o chama- e acudiu, cun novo recurso, ó Tribunal Económico Administrativo (órgano que resolve reclamacións entre os contribuintes e a Administración, neste caso, o Concello de Ourense). Esta instancia deulle a razón en decembro do ano 2011, referida, claro, a aquel recibo do ano 2007, contra o que recurrira. Pero ocorreu que, mentres o Tribunal resolvía a súa declamación, chegaba tamén ó seu domicilio o requerimento de pago do tributo polos anos 2008, 2009, 2010 e 2011.


UN RECURSO E MÁIS OUTRO

Pese a que estaba xa escamado pola incongruencia da burocracia e pola terquedade do funcionario de Facenda, que non quixo caír da burra cando Olegario tentou resolver o problema persoalmente nas dependencias municipais, o contribuinte confiouse e supuxo que, por lóxica, a resolución do Tribunal para o recibo de 2007 sería tamén válida para o caso dos anos seguintes que lle reclamaban. Por iso, non presentou novas reclamacións. Un erro, recoñece, porque só dous meses máis tarde -estamos xa en febreiro de 2012- recibiu unha providencia de apremio e un embargo da súa conta bancaria por importe de 272, 85 euros, o coste dos recibos entre 2008 e 2011.

Así as cousas, volta a empezar. Olegario Rodríguez tivo que acudir de novo ó Tribunal Económico-Administrativo, do que obtivo unha nova resolución favorable en setembro pasado. Esa instancia obrigaba, ademáis, á Administración a devolver o importe embargado, máis xuros de demora. A día de onte, advirte, o Concello aínda non lle efectuou o abono.

Olegario Rodríguez aínda non sae do seu asombro, considera que houbo un 'abuso' por parte da Administración, 'amoláronme' pese a que tiña o documento oficial que o eximía do pago e, por riba, 'non abondou con que o Tribunal fallara o meu favor na primeira ocasión. Non, había que teimar e incomodar'. E mentras espera que o Concello cumpra agora coa mesma teima coa que o embargou, pregúntase que tería acontecido se destruira ese preciado acordo daquela comisión de goberno que 'me salvou'.

Te puede interesar