AGENDA CULTURAL

Catro mulleres, catro bolboretas

Bolboretas1_result

O Liceo ourensán acolle este venres, a partir das 21,00 horas, un espectáculo que mistura os xéneros do cabaré e do burlesque

"O cabaré relaciónase co can-can ou con Liza Minnelli e o burlesque asóciase a rutinas de striptease dos anos 50... e nada máis lonxe", explica Carla de Figueiredo, directora e actriz de "Bolboretas Cabaret Burlesque", un espectáculo que chega ao Liceo de Ourense este venres.

As "bolboretas" aterrizan na cidade coa intención de amosar unha nova imaxe destes dous xéneros teatrais: "O cabaré é punk, é provocación, é política, é feminismo, é pensar por un mesmo". Así, o "café cantante" asociado á música e á danza, e o burlesque, onde se ridiculiza algún aspecto social, fúndense para dar lugar a unha peza de "carácter propio". 

De Figueiredo fai cabaré dende o ano 2006, pero non foi ata a proposta de Demoler Producións cando pensou, tomando un café con Carla Abella, outra das actrices, na posibilidade de atreverse con este proxecto. "A temática que queriamos tratar era a das mulleres descoñecidas, é dicir, dar voz e representar a mulleres históricas durante o espectáculo", explica. Foi entón cando buscaron ao resto do reparto e atoparon a Lía Pichel e a Aida Kaena.


A metamorfose


"O fío conductor desta peza é a metamorfose dunha bolboreta", comenta a directora. As protagonistas comezan sendo eurugas que precisan "tragar o seu propio peso en materia vexetal para chegar a ser crisálidas". "Tragar", neste caso, tamén ten unha lectura "irónica", relacionada co feito de "loita" de cada personaxe. Durante o proceso, os asistentes terán tamén oportunidade de rir, de chorar e de levarse unha reflexión ás súas casas: "Todas temos que ser bolboretas, nin calar, nin conformarse". 

Polo momento, os espectadores responderon "moi ben" á proposta, según explica a propia De Figueiredo. "É impresionante que nesta época na que estamos, hai momentos no que todo o público ouvea, interacciona, ou mesmo escapa", afirma. A directora non dubida en convidar a todos os ourensáns: "Tedes que vir".

Te puede interesar