Opinión

Cheo de detalles ridículos

O mundo do fútbol está cheo de estupideces. O mundo dos partidos de fútbol está cheo de detalles ridículos. No partido Málaga-Real Madrid (1-2) vin un detalle que me dixen ó momento que merecía un relatiño, este relatiño. O xogador do Real Madrid, Isco, meteu un golazo de falta. Ó momento xuntou as mans nun xesto de perdón á afección malagueña. Todos sabemos que procede de aí. Entón foi cando me fixen a pregunta: por que tiraches a falta? Cáeme ben Isco e aínda que lle sobra máis dun regate, penso que é un gran xogador; pero a ese xesto, a esa acción súa non lle vexo lóxica ningunha. Iso é coma cando das unha labazada e pides perdón. Vaia trangallada!

Máis parvadas dos partidos de fútbol. As celebracións dos goles. Isto xa pasa da raia. Dos saltos de alegría e abrazos que se realizaban antes, de sempre, pasamos agora a uns bailes e a unhas accións que, en certos momentos, ata case che fan aborrecer o fútbol. Imaxino ós xogadores rompéndose a cabeza na cama para inventar celebracións que queden para a galería. Algún ata se obsesionará co gol (moitas veces en detrimento do equipo) para poder amosar o que planificou. Se se deixaran de trapalladas e xogaran ó fútbol.

Te puede interesar