Opinión

Cine diferente

Xa desde a primeira secuencia desta acelerada e entretida “Ong Bak, el guerrero muay thai”, na que se ve a un grupo de persoas trepar por unha frondosa árbore en pos dun trofeo que está na súa copa, intúese que algo non é como debería, ou para dicilo con máis fundamento, que algo é diferente ó que estamos acostumados a ver cando asistimos a unha película de artes marciais: a xente cae da árbore e golpéase salvaxemente contra a terra, xa non se levanta máis, ou cando o fai, é con xestos dunha dor que non se pode imitar facilmente. Axiña entendemos de que vai o asunto: o que veremos durante o desenvolvemento do filme son sopramocos sen efectos especiais, xente dándose labazadas a darlle cun sacho, combates non amañados.

Esa sensación de autenticidade dos golpes é tal vez o máis curioso desta película trepidante. Pero non é o único. De feito, dotado dun ritmo endiañado, con persecucións de angustiosa efectividade e combates sen tregua, o filme é un entretido enxendro aventureiro ó que unha estrutura coñecida non lle condiciona en absoluto.

Tampouco hai que pedirlle máis do que se propón, que é só entreter, na vella lóxica do combate coreografiado importado de Hong Kong e das películas de Bruce Lee e os seus golpes de kung fu.

Os amantes deste tipo de espectáculos teñen asegurada a diversión, ó tempo que entrarán en contacto cun tipo de loita ancestral, o muay thai, tan espectacular como plástica, que é algo así como o toque de orixinalidade que a película, de procedencia tailandesa, propón ós seus seguidores.

Ópera prima de Prachya Pinkaew, que tamén é coautor do guión, presentouse en Sitges e acadou unha mención especial a un dos premios do festival. Algunhas secuencias do filme repítense desde distintas perspectivas, ó obxecto de amosar a espectacularidade e autenticidade dos golpes. Poida que non desenvolva un gran guión, pero ante esa espectacularidade das coreografías, todo se lle perdoa. O actor Tony Jaa dálle renda solta ó seu dominio do muay thai. Xa se rodaron dúas máis.

Te puede interesar