COMERCIO LOCAL

O comercio de Xinzo bota en falta unha asociación

<p></p>
photo_camera Tres dos 73 establecementos que participan na campaña "Merca en Xinzo".

No Nadal xuntáronse 73 establecementos co fin de impulsar as vendas

Os comerciantes e o Concello de Xinzo de Limia botan en falta unha asociación para impulsar o comercio local. Coa intención de activar as vendas nestas datas de Nadal 73 comercios da vila decidiron xuntarse nunha campaña colectiva chamada "Merca en Xinzo".

Esta iniciativa ten dúas vertentes. Por unha banda, motívanse as vendas a través do sorteo dunha viaxe en cruceiro. Pola outra, estase fomentando a visibilización das compras a través das redes sociais, para iso, os clientes deben subir imaxes mentres mercan nos establecementos adscritos e poden gañar unha sesión fotográfica. Aínda que a valoración das dúas iniciativas que se están levando a cabo é positiva, Marta Enríquez, comerciante e unha das portavoces da campaña "Merca en Xinzo", lamenta que non se puidese chegar a toda a xente que se quixese, posto que non se contou con tempo suficiente para a organización.

Segundo Enríquez, esta limitación débese, en boa parte, á ausencia dunha asociación de tendas que xestionase a campaña. Así mesmo, explica que, "aínda que son tempos difíciles para todos", o comercio local de Xinzo vese especialmente afectado, posto que hai moita xente que se despraza ata Ourense para realizar as súas compras. Ademais, explica que o comercio da vila necesita dun impulso para que "a xente vexa que nos movemos, que traballamos e que ofrecemos a mesma relación calidade - prezo que as grandes superficies". A comerciante sinala que fan falta novas ideas e iniciativas "para non estancarse".

Pola súa banda, o concelleiro de Comercio, Carlos Gómez, explica que o fomento do comercio local en Xinzo é fundamental, posto que se trata da "cabeceira da comarca". Tamén sinala que "sería moi interesante que despois desta campaña os comerciantes sexan capaces de asociarse" e manifesta a súa vontade de atender as demandas e necesidades dos mesmos.

Te puede interesar