SEGURIDAD VIAL

O Concello de Allariz sinalizará cinco rutas para ir a pé ao colexio

photo_camera O alcalde de Allariz. Francisco García, amosa un plano no que se recollen as cinco rutas escolares.

Abordará traballos en todo o seu trazado para que as poidan usar de xeito seguro os escolares

O alcalde de Allariz, Francisco García, presentou onte pola mañá o programa "Allariz no camiño", que ten como finalidade adecuar o tránsito peonil de cinco percorridos urbanos ata o colexio Padre Feijóo. O programa, no que colaboran a Dirección Xeral de Tráfico e a Policía Local alaricana, afronta a intervención no trazado de varias rutas co fin de  mellorar o seu uso seguro e accesible, para que os escolares as empreguen diariamente no seu percorrido ao colexio.

O programa está enmarcado na iniciativa da "Serpe papa-leguas", inscrita no plan europeo de camiños escolares, que ten por obxecto posibilitar e fomentar os percorridos peonís dos nenos cara as súas escolas. A iniciativa púxose en marcha semanas atrás no colexio, conseguindo que moitos rapaces foran a pé, con compañeiros ou acompañados dos seus país, ou ben compartiran transporte con outros escolares. A iniciativa tivo un gran éxito, reducíndose notablemente a afluencia de vehículos ata o centro escolar.
O Camiño Escolar que desenvolverá o Concello de Allariz comporase de cinco rutas, diferenciadas por cores, que confluirán na praza do Couto, o último tramo deste itinerario.

En todos os cruces de rúas e viais e zonas conflictivas situarase o logotipo do Camiño -Don Pé-, que indicará a ruta a seguir e durante o traxecto haberá elementos identificativos, así coma a sinalización adecuada e a presenza, en caso de que se considera necesario, de axentes da Policía Local.

Segundo puxo de manifesto o director do colexio Padre Feijóo, Javier Fernández, os obxectivos do programa céntranse no incremento da autonomía infantil, así como reducir o número de vehículos que transportan aos nenos e nenas ao colexio, fomentando deste xeito o coidado do medio ambiente. Así mesmo, con este tipo de iniciativas, segundo sinalou o director do colexio Padre Feijóo, foméntase a convivencia, favorecendo que os menores acudan ata o centro escolar en compañía de amigos e compañeiros.

Os logotipos de Don Pé sinalizarán o percorrido 

Para desenvolver o programa, o Concello de Allariz acometerá obras nas rutas escolares. Así, na Estrada de Xunqueira, a brigada municipal pintará os actuais pasos a nivel, ampliará a beirarrúa que leva ao colexio, reubicará o actual mobiliario urbano e pavimentará o tramo de estrada que vai desde a rúa Manuel María ata a Barreira, zona de desvío ao convento, eliminando todas as barreiras arquitectónicas existentes e integrándose, deste xeito, no casco histórico de Allariz.

A maiores, o Concello instalará nova sinalización, advertindo da zona escolar e fixando a velocidade máxima. A zona da Barreira, no tramo que vai da Praza do Couto ata a Estrada de Xunqueira, recibirá o mesmo tratamento e reorganizaranse as illas de contedores do lixo para que non afecten ó percorrido escolar.

Abordarase tamén a peatonización da Praza do Couto e a rúa Pepe Puga, coa colocación de sinais verticais restrinxindo o acceso de vehículos a estas zonas. Os cinco percorridos estarán sinalizados co logotipo de Don Pé, que irá pintado na cor correspondente a cada ruta.

Te puede interesar