PROMOCIÓN

"Coñece Ourense" recibiu aos estudantes de Xinzo

Este programa ten como obxectivo difundir o patrimonio da provincia

Preto de 30 de alumnos de Educación Secundaria Obligatoria procedentes do IES Cidade de Antioquía de Xinzo visitaron o Mosteiro de San Pedro de Rocas, onde foron recibidos polo presidente da Deputación, Manuel Baltar. A actividade enmarcouse dentro do programa "Coñece Ourense", organizado dende a administración provincial, e que ten como obxectivo fundamental difundir entre os máis novos o patrimonio, a paisaxe e as bondades arquitectónicas ourensás. O coñecemento desta riqueza contribúe, segundo Baltar, a "reafirmar a identidade" destes mozos e mozas.

Tal e como sinalan dende a propia Deputación, dende que se puxo en marcha esta iniciativa cultural -o pasado 2016- participaron nela máis de 2.100 persoas e, neste intre, forman parte da edición 2017/2018 de "Coñece Ourense", un total de 16 institutos da provincia. 

Manuel Baltar asegurou que este programa "é un éxito" posto que, a través del, "o alumnado coñece máis o noso, e pode descubrir tesouros como este Mosteiro que, cando aínda non estaba posta a primeira pedra da Catedral de Santiago, aquí xa había vida intelixente moitos séculos antes". 

Trala visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, a ruta continuou en Montederramo onde os alumnos descubriron, mediante unha visita guiada, o Mosteiro de Santa María para continuar, despois do xantar, cunha visita á Igrexa de Santa Cristina.

Un dos monitores que participou no encontro, Adrián Novoa, explicou que con "actividades dinámicas e divertidas, os rapaces coñecen diferentes puntos de interese da provincia, unha iniciativa moi importante porque se non coñeces o que tes nunca vas a valoralo". 

O programa oferta seis rutas culturais distintas entre as que se atopan Bande-Entrimo, Ciencias Carballiño, Ribeira Sacra, San Cibrao de Lás-Arrabaldo, Verín e Ciencias Ribadavia. Este ano incorporáronse algunas novidades como a visita a viñedos e bodegas do Ribeiro e aos Laboratorios Luvenor. 

Te puede interesar