Opinión

Conto ata tres

Conto ata tres para saber que o asubío que sae polos meus beizos é para chamar ó Uriarte. No número dous xa Uriarte erguera a cabeza e lle dera ó rabo. Hai cans que son moi listos. O meu é moi listo. Cando me poño a comer, mírame daquela maneira na que el sabe e eu sei que non queda outra que lle dar unha codia de pan. Hai olladas que abrandan. A de Uriarte derréteme. Ás veces come máis ca min. Conto ata tres para pensar nos biosbardos dun Kyrie, eleison na misa de doce. Cando vou no número dous xa o Christe, elison sentou na metade do Credo e dixo que por un oído lle entraba e que polo outro lle saía. Hai oracións que se volven rebeldes cando un condenado quere confesar o seu pecado. Que lle quede o consolo de que todos, algunha vez, fomos pecadores. Conto ata tres para berrar polos indefensos que non teñen defensa. No número dous xa hai quen me di que non teñen dereito ningún. E non tardan en cantarlle o responso do Kyrie, eleison Christe, eleison; polo mesmo. Por iso cada vez entendo máis o de indefensos. Conto ata tres para asinar unha mestura de pensamentos que van e veñen pola memoria dos tempos. Cando ía no número dous, xa intuía o punto final.

Te puede interesar