REHABILITACIÓN

A Corredoira soña cun futuro

Corredoira_5_result

O Concello de Ramirás traballa para iniciar un proxecto de recuperación integral no núcleo de A Corredoira. Na primeira fase tratarán de adquirir unha serie de vivendas para a súa rehabilitación e atraer así poboación.

A despoboación do rural non é ningún segredo nin, lamentablemente, ningunha novidade. Os veciños dos núcleos que conforman a Galicia interior teñen idades cada vez máis avanzadas e os seus descendentes foron buscando a vida nas capitais comarcales, cando non máis lonxe. Por iso, un dos principais retos ós que se enfrontan hoxe os gobernos municipais é o de atraer nova poboación con propostas novidosas. En xeral, tódolas localidades do rural son conscientes deste problema e, nalgúns casos, tratan de poñer solucións a través de infraestructuras xa existentes. É o caso do Concello de Ramirás, que puxo no seu punto de mira ó núcleo da Corredoira.

A idea formaba parte do programa electoral do BNG e gracias á colaboración que manteñen entre o PP -que goberna en minoría- e a oposición, é posible que a iniciativa comece a andar. Aínda que levan meses traballando no proxecto, é agora cando empeza a coller forma dando os seus primeiros pasos reais. A pasada semana, o Boletín Oficial da Provincia recollía o anuncio da adquisición de vivendas por parte do Concello. Para este fin, dispoñen de 50.000 euros das arcas municipais cos que pretenden comprar un máximo de oito casas das preto de 80 coas que conta A Corredoira e das cales os responsables do goberno local estiman que seguen habitadas arredor dun 10%. 

Atraer poboación

Unha vez adquiridas, tratarán de entablar acordos cos diferentes organismos provinciais e autónomicos, de xeito que colaboren na súas rehabilitación. O paso final consistirá en destinalas a un aluguer con opción de compra tratando non só de ofrecer unha vivenda a un grupo de veciños senón tamén de chamar a atención de novos habitantes para o concello. O alcalde, Carlos Rodríguez, considera que poderían supoñer unha boa opción para os emigrantes que están retornando á súa terra de orixe. 

Son xa dúas a ofertas que se presentaron en firme. Os representantes do BNG, Marcos Meléndez, e do PP, o alcalde Carlos Rodríguez, traballan arreo e case a diario para que os veciños coñezan os pormenores da iniciativa e se amosan receptivos a ela. A primeira chegou de Benigna Álvarez, natural do núcleo e que hoxe segue vivindo nel pero noutra vivenda de construcción posterior. Ela, coma o resto dos veciños, amósase moi esperanzada co futuro que poida ter este proxecto.

 "Sempre que veña xente boa, é unha alegría", explicaba mentres asentían os seus compañeiros de conversa verspertina. Ela agarda a que outros veciños se animen para que as vivendas, moitas delas con capacidade para acoller un fogar de grandes dimensións, recuperen a vida que foron perdendo co paso dos anos. Moitas das casas están caendo e iso "si que sería unha pena". Tanto eles coma os promotores da iniciativa teñen fe tamén en que as persoas que se interesen polo proxecto traian ademais ideas de emprendemento para o mundo rural. 

A elección da Corredoira non é casual. Tanto o rexedor coma o líder da oposición son conscientes das carencias que presentan as infraestructuras doutros núcleos. Por iso, consideran que a localidade de A Corredoira como o lugar idóneo para destinar a este proxecto de rehabilitación porque conta con tódolo servizos municipais e unha boa rede de accesos. Con estes precedentes, tanto dende o Concello coma os propios veciños agardan que sexa un éxito e mesmo que vivir na Corredoira se revalorice co tempo. 

Os interesados en destinar a súa casa para este fin, deberán dirixirse ó Concello antes do día 28 para presentar a súa oferta. Con todo, esta primeira fase forma parte dun proxecto integral máis ambicioso que pasaría por mellorar os accesos e pistas, soterrar o cableado das telecomunicacións e dotar ó núcleo dun alumeado que lle outorgue o resplandor que un día tivo e nunca debeu deixar de ter.

Te puede interesar