Opinión

O derradeiro xuíz do Couto Mixto

Cando no Couto Mixto alguén quería facer casa tiña que cumprir coas formalidades establecidas: convocaba a dez, vinte ou máis testemuñas. E logo de se xuntaren no lugar elixido, o que a vai facer di: Señores, aquí neste terreo mixto quero facer unha casa, que construirei, de aquí para alá (e vai camiñando), polo Rei de Castela; desta parte a estoutra, polo Rei de Portugal, e deste xeito vai dividindo o sitio en anacos. Unha vez cumprimentado o requisito esixido polo costume do lugar, ergue a voz e di: ‘¡Vivan os reis moitos anos, e por moitos máis Vm. a goce, con paz e con saúde! É de supoñer que unha vez rematada a construción da casa se coroase co alboroque (un gran ramallo de loureiro); un costume que vén de vello e que eu mesmo, sendo rapaz, coloquei máis dunha vez cando remataba unha casa o meu tio Jesús, que era canteiro. Polo demais, as casas tiñan o feitío típico que Florentino Cuevillas e Xoaquín Lourenzo describen na súa obra ‘Vila de Calvos de Randín’.


Non sabemos se no protocolo esixido para construír unha casa no Couto Mixto figuraba a presenza do Xuíz. Do que si temos coñecemento é de que gravaban no lintel da súa porta un ‘P’ ou un ‘E’, segundo pertenceran a Portugal ou a Galicia. A explicación dánola o derradeiro xuíz, Delfín Modesto Brandón, na súa ‘Interesante Historieta del Couto Mixto’, editada na Coruña en 1907: ‘É certo, efectivamente -escribe-, que estes iniciais se puñan nas portas, aconsellados por alguén. Isto debeu acontecer entre os anos 1842 e 1843; pero a súa duración foi máis ben curta, porque non lles conviña conservalas e borráronas, para evitaren os abusos e molestias que adoitaban provocarlles as autoridades españolas e portuguesas, con apremios contrarios aos seus privilexios, ás súas leis especiais e costumes, malia teren os pobos que constituían o Couto Mixto absoluta independencia no económico e gobernativo das dúas coroas, a portuguesa e a española’. O acoso ao que foron sometidos os ‘mixtos’ foi constante. O propio Delfín Modesto Brandón enumera algúns daqueles asedios por parte das tropas portuguesas en 1847, que invadiron os tres pobos: Santiago, Rubiás e Meaus. Por parte galega cóntanse tamén algúns episodios tristes.


Moi pouco sabemos da personalidade de Delfín Modesto Brandón. Algúns din que era oriundo de Celanova, e algo disto pode ser certo, porque a súa única obra publicada que vimos de comentar, na que describe migalleiramente as vicitudes históricas do Couto Mixto, foi rematada de escribir en 1904, en Celanova. Está documentada tamén a súa veciñanza na cidade da Coruña onde desepeñou a representación consular dun país latinoamericano. Xosé L. Méndez Ferrín, nun intento de reconstruír a biografía familiar, localiza a Delfín Modesto Brandón na Coruña e a unha súa filla que foi modelo de Picasso cando este moraba naquela cidade. Seica por Vigo quedou algún herdeiro.


Coñecía polo miúdo a política española e aos seus protagonistas. Esa conclusión tirámola da lectura do libro que vimos de comentar. No político foi un liberal progresista, admirador de Emilio Castelar, e como él partidario da separación de poderes entre a Igrexa e o Estado. (‘Concluíu para sempre o dogma da protección das Igrexas polo Estado. O Estado non ten relixión; non a pode ter, non a debe ter. O Estado non confesa, o Estado non comunga, o Estado non morre’). Criticaba a política conservadora acusándoa de ser ‘a negación absoluta de todo progreso’. Con paixón reprocháballes teren ao pobo ‘sumido na ignorancia’. Posiblemente fose licenciado en leis, porque o coñecemento que ten do Dereito así o acredita. En todo caso, a súa biografía está por facer, así como o perfil profesional e humano. Descoñecemos, sen embargo, os seus rasgos físicos porque non quedaron fotografías del.


Co coñecemento histórico que Luís García Mañá ten da historia do Couto Mixto e as técnicas forenses que él coñece como policía, permitíronlle realizar unha aproximación ao seu retrato: un home de mediana estatura, de ollos vivos e mirada serea, un queixo poboado por unha barba coidada recurtada e coroada por un bigote moi da estética da época, cuberto cun sombreiro calañés, sentado, e cunha vara de mando. Con estas descricións un escultor deu vida en bronce ao derradeiro xuíz do Couto Mixto.


Grazas ao entusiasmo e sensibilidade que profesa pola historia Xosé L. Méndez Romeu, Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a aspiración da Asociación de Amigos do Couto Mixto de erixirlle algún día un monumento a tan egrexia autoridade, farase realidade. A inauguración será hoxe ás seis e media da tarde cando se inaugure o monumento, da autoría de José Molares, no adro da igrexa de Santiago de Rubiás. Sentímonos ledos e agradecidos por podermos acadar este obxectivo. O dito popular refrenda a nosa teimosía na reconstrución histórica: a pedra é dura e a pingueira miúda, mais, caendo a cotío, fai cavadura.



Te puede interesar