RABO DE NUBE

Días de Lolita

la_libreria_pelicula_result

A edición conta cun posfacio de Terence Dooley que nos axuda a entender mellor o libro e as circunstancias que levaron a Penélope a escribilo

Volve este libro (primeira edición española de 2010), en versión conmemorativa da súa primeira saída, que fora en 1978. E volve cun aquel de beleza, no continente, que a do contido xa se dá por garantizada, cunha envoltura moi xeitosa, de Impedimenta, respectando a traducción anterior, de Ana Bustelo. Todo moi a conto da película homónima, de Isabel Coixet, en carteleira estes días, con presencia ben competente de espectadores.

Hei de falar do filme de vagar, hoxe vou limitarme á novela, auténtica “delicatessen”, homenaxe moi namorado a eses lugares, cada vez máis exóticos, chamados librarías. Para o caso un baluarte alzado en 1959, nunha vila inglesa, por unha dona (se cadra “alter ego” da propia Penelope Fitzgerald) nos días en que Lolita comezaba ter o éxito que hoxe ninguén discute diante do que xa é todo un clásico. Mais mentres Florence ergue o seu tinglado na “Old House”, unha casa onde as pantasmas non deixan de se facer boureo quedo, valla o oxímoro, o caciqueo local escomenza a súa batalla contra quen bota os pés fóra dos zocos regulamentarios. De maneira que a viuva Florence coa axuda dunha cativiña que lle fai de dependente, e un vello señor, lanzal como os bastóns que se amorean na entrada da casa, loitará unha guerra literaria que non presenta boa saída. Lolita, douscentos cincuenta exemplares pedidos pola afoutada libreira, é unha presencia máis que simbólica, coidando na afouteza do seu contido, mais tamén do estilo.

Ao redor de Florence Green toda unha parafernalia de elementos dickensianos, polo que teñen de descriptivos dun contexto social pero tamén polo de bondade e maldade que neles hai; impagable o personaxe de Milo. Unha novela, en fin, máis que gorentosa, que nos fala dun oficio, o de libreiro, en extinción. E que xa en 1959, este libro ten un aquel documental, tiña certos `problemas para subsistir, ao menos nunha vila pequena como a que aquí se deixa ver. A edición, fermosa, xa se dixo, de Impedimenta, conta cun posfacio de Terence Dooley, xenro de Penelope Ftzgerald, que nos axuda entender mellor o lbro e as circunstancias que levaron a Penelope a escribilo e, de rebote, ao estrelato literario, no que hoxe, autora ela mesma dun clásico, segue a brillar.

Te puede interesar