teatro

Mónica Camaño: "O teatro é unha ventá para mirar o mundo"

monicaactriz_result
photo_camera Mónica Camaño, caracterizada como monxa na obra de teatro.

En escea, catro actrices que deciden crear unha obra de teatro como forma de autoempregarse, segundo explica Mónica Camaño. 

A actriz Mónica Camaño é unha das protagonistas de "Nacidas libres", a última obra do recoñecido autor galego Cándido Pazó e que chega o sábado ao Principal (20,30 horas). Camaño, xunto coas súas compañeiras, propón unha peza de "metateatro" na que o público é testemuña do proceso creativo dunha nova obra. O tema está basado nunha dramática historia real: as tres monxas que a policía de Santiago liberou en 2016 do convento onde vivían en contra da súa vontade.

Camaño recoñece que encarnarse en escea nunha actriz pode parecer máis sinxelo, pero non o é. "Por unha banda xa coñezo ese mundo, o que tamén é un perigo, porque ao sentilo tan próximo hai moitas barreiras que non aparecen ao convertirme nunha monxa", afirma.

As catro actrices non só encarnan as creadoras da obra, senon tamén á monxa que decide denunciar a situación, á muller que a axuda a tomar a decisión, á policía e ás retidas. Camaño, por tanto, ten varios papeis dentro de "Nacidas libres", xa que se van sucedendo diversos caracteres femeninos. Pero, que teñen en común todas elas? "Creo que o que as une é a solidariedade polas outras mulleres, e a conciencia de que todas teñen uns dereitos", explica a actriz.

Nun momento como o actual, no que moitas actrices secundan ás súas compañeiras nas denuncias de agresións sexuais dentro do gremio, "Nacidas libres" encaixa perfectamente.

A obra recolle "a posibilidade de mirar a realidade con outros ollos e de deixar de ver como normal aquilo que sempre o foi", comenta Camaño. "Parece que o femenismo está de moda e que non se furga nel o suficiente, pero aínda así é algo positivo, porque pon a atención en condutas que ata agora eran moi comúns", comparte a actriz.

En canto as razóns para acercarse ao Teatro Principal o próximo sábado, Camaño teno moi claro:"Ir ao teatro sempre é bó, é unha ventá cara ao mundo. Nesa paisaxe que se atisba hai chamadas de atención, frechas, que se quedan dentro de nós e que logo podemos manter vivas e reflexionar con elas. Ademais, o teatro permite a emoción e a posibilidade de que se nos encendan novas bombillas na cabeza". A recomendación non pode quedar máis clara: "Sobre todo, que o gocen moito".

Te puede interesar