O centro infantil, xestionado directamente polo Concello, arranca o novo curso con 10 nenos e nenas
Nunha etapa difícil para os centros escolares da comarca limiá, lastrados pola despoboación e a falta de nacementos nos distintos concellos da contorna, a Escola Infantil de Vilar de Santos, cunha xestión directa por parte do Consistorio, segue a incrementar o seu número de matriculacións. A pesar de ser un dos municipios máis pequenos da Limia, 10 nenos e nenas asistirán ao centro infantil para o vindeiro curso 2018/2019, que comezará o luns, día 3 de setembro. Esta cifra supera a de outros Concellos veciños, e é que mesmo algúns deles tiveron que suprimir este servizo por falta de cativos -caso de Rairiz de Veiga-.
Dende Vilar de Santos congratúlanse desta nova e aseguran que dende a súa apertura, no ano 2013, a Escola Infantil segue medrando ano tras ano. O obxectivo de convertela nun espazo dinamizador de referencia e de atención educativa, din que se conseguiu "plenamente". Nesta liña, o rexedor de Vilar de Santos, Xan Jardón, manifesta que se trata "dun éxito innegable" pois o espazo "permitiunos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0 e os 3 anos un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas, como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar".
Servizo diurno
A Escola Infantil de Vilar de Santos é unha prestación pública de funcionamento diurno e de titularidade municipal, que se xestiona directamente polo Concello. Permanece aberta de luns a venres en horario de 08,00 horas a 16,00 horas e conta con dúas prazas de persoal especializado.
Neste novo curso, continuarase prestando o servizo habitual e introduciranse outros proxectos e actividades englobadas nunha planificación comprometida coa realidade do mundo rural, así como cun ensino de calidade.
"A Escola é unha nova alternativa e unha aposta de futuro máis dende o grupo de goberno para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e benestar dos veciños e veciñas", sinala o rexedor local. "Un servizo que se consolida día a día para frear o envellecemento e xerar atractivo local".