ENCONTRO

Os expertos, preocupados polo patrimonio do rural

<p></p>
photo_camera <p></p>

O Congreso de Chamoso Lamas alerta sobre o seu estado de abandono

A segunda xornada do X Congreso do Centro de Esturidos Chamoso Lamas, que se desenvolveu na casa da cultura de Melgaço (Portugal), puxo de manifesto a necesidade de protexer e conservar o patrimonio histórico, sobre todo no medio rural. Esta chamada de atención produciuse durante a exposición dunha ponencia sobre o Conventiño dos Frades, granxa monástica de Aciveiro, no Ribeiro. Segundo o relatorio de Xosé Luis Sobrado, presidente da entidade organizadora, é unha granxa que pertenceu ao mosteiro de Aciveiro, ao igual que unha adega de gran interese e cuxas ruinas poden desaparecer para sempre.

A primeira referencia histórica que se ten data do ano 1537, e fala dun lugar que estaba "junto a la Granja y del Paraíso". Sobrado sinalou que foi a primeira granxa monástica de Galicia, e atópase nunha situación de total abandono.

Xunto a Sobrado interviñeron nesta ponencia Juan José Álvarez, o arqueólogo Jorge Lamas, a historiadora Ana Gordín e o biólogo, Diego Prado.

Tamén despertou moito interese entre os participantes no congreso o proxecto "Lírica", que se desenvolve no marco do programa Interreg, e que foi presentado pola profesora de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Mariña Arbor, e a investigadora Carmen de Santiago. Consiste na aplicación práctica da lírica medieval galaico-portuguesa para achegar á sociedade o coñecemento do patrimonio material e inmaterial.

Este proxecto, que estará rematado o próximo verán, permitirá a través de diversas producións audiovisuais difundir este patrimonio medieval mediante tres rutas, abarcando as comarcas do Carballiño e O Ribeiro e o norte de Portugal (Melgaço, Monçao e Fiais). Incluso haberá unha aplicación para acceder polo teléfono móbil e tamén están previstas a elaboración de guías en papel e videoclips.

Ademais, nesta xornada falouse das antigas escolas de Boborás, da Torre medieval de Godás e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e realizáronse visitas culturais guiadas ás pesqueiras de Arbo, ás Termas do Peso e ao Peneda Gerés.

Te puede interesar