PROVINCIA

Unha exposición lembrará a Verín a historia do seu tranvía

Abrirá as súas portas o vindeiro 24 de abril e na praza do Concello instalarase un vello exemplar

A Biblioteca Municipal do Concello de Verín organiza, conxuntamente coa SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) e a Asociación Carrileiros de Ourense, dous eventos para conmemorar os 110 anos do Tranvía de Verín Cabreiroá: a exposición "110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa" e a conferencia "Un tranvía que fixo historia".

No acto de presentación estiveron presentes, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; o tenente de alcalde e voceiro do grupo de goberno, Diego Lourenzo; a concelleira de Cultura, Emilia Somoza; o secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada e Paco Boluda, presidente da Asociación Carrileiros.
Diego Lourenzo destacou na súa intervención que "os verineses temos inserido no ideario colectivo a imaxe deste tranvía de tracción animal, que foi inaugurado no ano 1908 pola compañía Augas de Cabreiroá. Desde o grupo de goberno decidimos celebrar estes dous actos conmemorativos para pór en valor, e evitar que non se esqueza esta parte tan relevante da nosa historia colectiva".


"Aínda é posible recuperar"


Pola súa banda, Miguel Losada quixo agradecer a corporación municipal o seu interese por mellorar Verín, "por mirar ó pasado para tratar de mellorar o futuro da vila". O secretario de SAGA explicou que devandita iniciativa busca chamar a atención sobre o que puido ser e non foi, pero que aínda é posible recuperar. "Aquel Verín que, dalgunha maneira, descarrilou dos tempos da historia e que pode volver a ser aquela vila pioneira, dinámica e moderna que era hai 110 anos". Por último, Losada quixo agradecer o gran traballo de investigación realizado pola Asociación Carrileiros, sen o que non sería posible realizar estos actos conmemorativos.

Paco Boluda salientou a relevancia que tivo o tranvía de Verín, no que a historia industrial se refire, xa que foi dos primeiros que se implantaron en Galicia, e único en moitas das súas características. "A exposición e a conferencia fan un percorrido pola historia deste tranvía pero, por encima disto, fano pola historia da modernidade de Verín. O que buscamos con esta iniciativa é concienciar á xente da importancia que tivo este medio de transporte e, tamén, incentivar que, co tempo, volva a ser unha realidade que Verín volva a ver circular o seu tranvía". Na exposición, que abrirá as súas portas o 24 de Abril, ás 19,30 horas, os autores da investigación Francisco Boluda e Manuel Hernández (membros da Asociación Carrileiros) farán un percorrido pola historia do singular tranvía de tracción animal que unía Verín co Balneario de Cabreiroá nas primeiras décadas do século XX. A mesma estará composta por distintos paneis deseñados por Paco Boluda. Devandita mostra estará aberta ao  público ata o 18 de maio.

A conferencia que leva por título "Un tranvía que fixo historia", será impartida o 27 de abril, ás 19,30 horas, por Paco Boluda, no Salón de actos da Casa da Cultura.

Te puede interesar