obituario

Ernesto Chao, o actor que "amou o teatro" e "fixo rir"

Galicia lamenta a morte do ribadaviense "pioneiro" na escena e recoñecido polo papel de Miro Pereira

O teatro e o audiovisual galego lamentan o pasamento do actor de Ribadavia Ernesto Chao aos 74 anos. O que fora pioneiro na profesionalización da escena galega, interpretou o seu derradeiro espectáculo, "A canción do Elefante", da compañía Redrum, na última edición do Festival de Teatro Galego, que se celebra en Carballiño e que hoxe presenta a nova programación cun minuto de silencio polo seu compañeiro.

Aínda que moitas xeracións o recordan polo seu papel de Miro Pereira na serie galega "Pratos Combinados", Ernesto Chao foi moito máis. "O audiovisual gustáballe, pero o teatro amábao e quería ser recoñecido por iso. Era carne de escenario que nos coidou a todo o sector", conta Josi Lage, directora do FETEGA. Os inicios teatrais de Chao están vinculados á Agrupación Cultural Abrente, impulsora da profesionalización do teatro en Galicia e "antecesora" das hoxe consolidadas Mostras de Teatro de Ribadavia. O director artístico da MIT, Roberto Pascual, manifesta "o recoñecemento e admiración" ao actor "e a todos os que loitaron pola dignificación da profesión". "Hoxe Ribadavia chora. A MIT e a casa do teatro senten a perda dun piar colectivo e esencial. Alimentas o compromiso, a cultura e a dignidade", indica nun comunicado o equipo da MIT, festival do que recibiu o Premio de Honra.


Un pioneiro sobre o escenario


Dende a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade da que foi fundador, resaltan o seu papel "pioneiro da escena" e "querido referente tanto para o público como a profesión, que forma parte da xeración que puxo en pé o teatro profesional en Galicia, foi segundo director do Centro Dramático Galego e desenvolveu unha das traxectorias de maior prestixio no noso oficio".

No Centro Dramático Galego formou parte do elenco de "Agasallo de sombras", de Roberto Vidal Bolaño. A partir de aí, tal e como recorda a Asociación de Actores, traballou nas montaxes de "Os vellos non deben namorarse", "As tres irmás" ou "Un soño de verán". Deixou a súa pegada noutras compañías como a histórica Teatro Artello, Teatro do Malbarate, Teatro do Noroeste, Manivela ou Redrum. Coa súa muller, a tamén actriz ourensá Rosa Álvarez, fundou en 2002 a compañía "Lagarta Lagarta", que conquistou ao público con obras como "Carambola", "As últimas Lúas", "Aeroplanos" ou "O segredo dos Hoffman".

As redes sociais choran a morte do actor, especialmente recordado polo seu papel de Miro Pereira en "Pratos Combinados", no bar Suízo onde servía o famoso café con mondas de pataca. 


"As necoriñas choran"


Compañeiros como Cristina Castaño, Paula en Pratos Combinados,  recordan ao actor: "Me cagho no mundo. Ata sempre compañeiro. Un bico eterno de Pauliña". O ourensán Serxio Pazos referiuse a Chao como "un histórico do teatro e da TVG, irá facer rir alá por onde ande". Antonio Durán "Morris", o seu cuñado na serie da TVG–que onte repuxo capítulos en homenaxe ao actor– reivindícase "como parte da túa outra familia, a profesional. Fuches divertido, conciliador, amigo querido, moi traballador , combativo e actor representativo para moitas xeracións. Hoxe Nesto, ata as necoriñas están chorando".

Dende o Concello de Ribadavia adiantan que prepararán unha homenaxe póstuma para o "veciño, compañeiro e amigo Nesto, que lle quixeches á MIT e a Ribadavia dende sempre e por sempre. Hoxe o Auditorio Rubén García pecha o telón coa máis agarimosa ovación". O velatorio será en Boisaca, en Compostela. 

Fernández Albor, o último papel nunha serie de pequena pantalla

Te puede interesar