Ocio

A Feira de Nadal de Verín contará cun posto solidario

Feira de Nadal de Verín
photo_camera Os nenos e nenas tamén montarán o seu propio posto onde venderán os seus produtos artesanais.

Nel recolleranse alimentos e xoguetes para familias necesitadas e tamén para mascotas abandonadas

A Praza Maior de Verín será escenario, por cuarta vez consecutiva nestas datas, da Feira de Nadal organizada polo Concello. Os stands abriranse ás 11,00 horas deste sábado e do domingo e pecharanse ás 20,00 horas -cun descanso intermedio os dous días entre as 14,30 horas e as 16,00 horas-. A feira contará con 19 postos de artesanía, alimentación, decoración, regalos e doces. 

Nesta edición e como novidade, habilitarase un posto solidario onde se recollerán alimentos de primeira necesidade para as familias que os precisen, xoguetes novos ou usados -sempre que estean en boas condicións- para os nenos máis desfavorecidos da vila e pienso e utensilios para os cans e gatos que foron recollidos das rúas pola protectora de animais. Cruz Vermella, a Asociación de Mulleres Rurais -Femuro-, Portas Abertas e Proanimais Verín colaborarán nesta nova entrega. 

O mercadiño de Nadal tamén contará con animación, talleres -chapas, maquillaxe, tatuaxes e decoración-, concursos, música e sorteos de productos típicos doados polos expositores. Do mesmo xeito que aconteceu o pasado ano, os nenos de Verín participarán de xeito activo do evento con postos onde poderán ofrecer os seus propios produtos artesanais. Tanto o sábado como o domingo, a feira contará coa presenza do Apalpador -os dous días a partir das 19,00 horas-.

Te puede interesar