Axenda cultural

O feminismo, de queixiño en queixiño

agenda
photo_camera A Marcha Mundial das Mulleres organiza actividades ao longo de todo o ano.

Este luns, a partir das 21,30 horas, a Marcha Mundial das Mulleres organiza na praza Pena Vixía un trivial feminista, onde diversión e aprendizaxe van da man

Saberías dicir quen foi a primeira muller en correr unha maratón e como o conseguiu? Sabías que a primeira titulada en medicina en Galicia naceu en Baltar no 1898? Estas e máis preguntas centradas en mulleres de todo o mundo compoñen o trivial feminista que se xogará hoxe na praza Pena Vixía ás 21,30 horas, organizado pola Marcha Mundial das Mulleres, dentro do VeránEarte de EsCuA.

Este é o segundo ano consecutivo que as mulleres deste colectivo convocan dita actividade. "No 2017 deu tan bo resultado que nos animamos a repetir. Cando rematou a partida, había alí preto de 60 persoas", explica Lucía Cedrón, da Marcha Mundial das Mulleres.

O obxectivo deste trivial "morado" é aprender mentres se xoga: "Por unha banda é divertido porque se fai en grupo, pero hai unha gran compoñente didáctica, porque o problema que temos é social, habendo aínda un certo repelús ao feminismo", di Cedrón.

A idea destas mulleres foi darlle a volta ao xogo tradicional e orientar todas as preguntas cara a vertente feminina, "porque normalmente só falan de homes no cine, no teatro ou na ciencia. Cando un comeza a xogar ao trivial feminista, dase conta do  inculto que se pode ser con respecto ao logros que as mulleres acadaron ao longo da historia".

Despois de ver como se organizaban partidas de trivial en diferentes locais de Ourense ao longo do inverno, Cedrón e as súas compañeiras decidiron sacar a súa propia versión á rúa: "Levamos carpetas, plantillas coas preguntas, bolígrafos e un folio por cada equipo, que se montan alí no momento".

A estrutura do xogo está composta por bloques temáticos, que deben ir superándose. "Hai deportes, ciencia, historia ou cine, pero sempre coa muller como protagonista. É un xogo que engancha, aínda que a priori te poida botar cara atrás por non saber cousas de feminismo". Pero ao rematar, as preguntas corríxense e é cando se aprobeita para contar cousas das mulleres "coas que quedas coa boca aberta!". 

Te puede interesar