Opinión

Fenómeno social

Os oito millóns de franceses que pasaron a vela converteron a "Os rapaces do coro" nun verdadeiro fenómeno social. E os membros da Academia do Cine validárona como a súa candidata ó Oscar á mellor película de fala non inglesa. Christophe Barratier, director e escritor debutante do filme, foi sen dúbida o triunfador do ano 2004 no país galo grazas a unha película clásica para todos os públicos, con protagonistas de todas as idades e coa mestura exacta de tenrura, paixón, busca da xustiza, valoración da xenialidade e un espírito medianamente taravelo sen pasarse o máis mínimo da raia.

Jacques Perrin, produtor e intérprete cun pequeno papel na historia, exerce de enlace coa película que ofrece a verdadeira medida da esencia de "Os rapaces do coro": "Cinema Paradiso". O tono melancólico, a época na que se ambienta, a importancia primordial da música e as evidentes intencións de conmoción (e ata de bágoas) levan á película de Barratier polo mesmo carreiro que pisou a de Giuseppe Tornatore en 1989. Ademais, como nesta, "Os rapaces do coro" ten un prólogo e un epílogo protagonizados por Perrin: unha conversa que encerra un longuísimo flash-back cun instruído paseo pola educación en tempos de posguerra.

Francia acaba de saír da negrura da invasión nazi pero aínda non espantou os fantasmas do fascismo. O internado de reeducación de menores no que se ambienta a historia está comandado por un represivo director de tiránicos ademáns. Un autoritario mandamais no que o guionista Batarrier non controlou de todo o seu odio, converténdoo no único personaxe dunha peza, plano, sen defensa posible. O que si evita ben o director Batarrier é a caída na melancolía máis barata. A pesar de que son indubidables as súas intencións lacrimóxenas, esa busca exercítase sempre por camiños moi académicos e nada tramposos.

Estamos preto de cintas clásicas como "Seguindo o meu camiño" (1944), onde Leo McCarey tamén utilizaba a música para amansar ás feras dun orfanato coa axuda da voz de Bing Crosby. Batarrier sabe xunguir o entusiasmo coa delicadeza e o humor co amor nunha película de alento humano que tamén destaca pola credibilidade e a expresividade dos rostros infantís.

Te puede interesar