festividade

A Festa do Peixe amosa músculo en Bande

peixe_2_result
photo_camera Os asistentes saborearon o peixe de río capturado onte pola mañá polos pescadores da zona.

Pechou a súa cadraxésimo quinta edición coa tradicional degustación

Foron moitas as citas festivas desta fin de semana na provincia, pero a Festa do Peixe de Bande ten un público fiel que cada ano dende hai 45 edicións acode a degustar os sabores deste prato.

Corenta pescadores da propia comarca da Baixa Limia, ós que se lle sumaron outros procedentes do norte de Portugal, así como compoñentes dos colectivos de pesca do Río Ulla, participaron pola mañá no tradicional concurso de pesca que serviu de orixe á festa, para conseguir unha captura de algo máis de 30 quilos. Unha captura pequena, "menos da metade da recollida o ano pasado", segundo indicou o presidente do club de pesca O Peixe de Bande, Emilio Rodríguez.

 O baixo caudal que nesta tempada leva o río Limia á altura do coto do Prim é fundamentalmente a razón á que Emilio Rodríguez achacalle esa baixa captura, que non foi óbice, sen embargo, para que o nutrido número de veciños e visitantes que se achegaron pola tarde a Bande poideran gozar do sabor singular que ten este peixe de río, xa que, como indicou o alcalde, José Antonio Armada, sempre teñen a previsión de contar cunha cantidade de peixes suficiente, porque as "pescatas" non son nunca unha conta exacta e o número de capturas dependen de moitos factores.

Mentres coordinaba o operativo de distribución dos productos de degustación, Armada amosábase, sen embargo, contento pola numerosa participación de xente nesta ocasión, pese cmoi pouca distancia con outros eventos festivos que tamén convocan a un gran número de xente. "Esta festa conta con seguidores moi fies, pois xa son moitos anos os que a levamos organizando, pero este ano gustoume ver caras novas pola vila, porque iso quere dicir que algo vai mudando nesa aposta pola dinamización económica da comarca coa que estamos comprometidos".Neste sentido, ten algo que ver a recente aposta pola apertura do novo Mercado do Xurés, que onte tamén abriu as súas portas para reforzar a proposta da festa.

A tarde de onte contou, ademais, con diversas actividades de animación, coma a participación do grupo São Tiago de Sopo, de Vila Nova de Cerveira, así como coa concertina Castrexos, os acordeonistas Os gandeiros da Baixa Limia e unha exhibición de zumba, antes da degustación dos peixes.

Te puede interesar